VIAL 18

O BNG de Culleredo solicita ao Delegado do Goberno a publicación da información sobre o Vial 18

undefined
Proxecto inicial do Vial 18

Os nacionalistas solicitan que se faga público o informe ao que o Delegado do Goberno fai referenza na prensa sobre os avances no Vial 18.


Mentres as alegacións presentadas ao Estudo de Impacto Ambiental seguen sen resposta, os responsábeis políticos falan dun informe ao que a veciñanza non pode ter acceso.

O BNG de Culleredo solicita ao Delegado do Goberno a publicación da información sobre o Vial 18

O Grupo Municipal do BNG de Culleredo ven de solicitar ao Delegado do Goberno na Galiza, Don José Miñones, que se fagan públicos os avances dos que ven comentando na prensa no denominado Vial 18 de conexión entre a AP-9 e a Terceira Rolda. Tanto o Sr. Miñones como o Alcalde de Culleredo, falan dun “pacto” para a construción desta infraestrutura. Un acordo recollido nun suposto expediente, denominado “de información pública” pero que non pode ser consultado na web do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, nen forma parte da documentación do Anteproxecto, e que os nacionalistas reclaman sexa feito público.

O Anteproxecto “Vial de Conexión AC-14/AP-9 entre la Autovía AC-14 (enlace de Zapateira) y la Autopista AP-9”, sometido a estudo de impacto ambiental xa en dúas diferentes ocasións ao longo dos últimos cinco anos, está a causar gran preocupación entre a veciñanza de Culleredo, concello no que terá lugar a totalidade desta intervención. A razón para esta preocupación é que o novo vial terá un efecto altamente prexudicial tanto a nivel de mobilidade, como ambiental e no deseño territorial do noso concello, provocando unha división antinatural dun monte e do territorio e conexións dunha parroquia. A cidadanía de Culleredo tense mobilizado nos últimos anos para esixir o estudio de alternativas con menor afección e que oferten acceso a estas vías á veciñanza de Culleredo.

Mentres as alegacións presentadas á tramitación do Estudo de Impacto Ambiental do proxecto seguen sen resposta, descubrimos, con malestar, pola prensa a existencia de información que aínda non foi posta a disposición da veciñanza. Segundo recolle a prensa, citando en varias ocasións declaracións do Alcalde de Culleredo e do Delegado do Goberno, dito expediente recolle un acordo para dotar ao Anteproxecto dun novo vial a maiores, paralelo ao xa proxectado. As novas falan de que existen xa estudos preliminares realizados pola Demarcación de Carreteras, e de que o Anteproxecto tense modificado para contemplar as alegacións realizadas polo Concello de Culleredo, as cales incluían o estudo de alternativas ao propio Vial 18.

Non é propio dunha administración seria utilizar uns trámites que deben ser públicos para lanzar globos sonda pola prensa. Aínda que sexa unha práctica habitual do Alcalde de Culleredo, desde o BNG de Culleredo non contabamos con que o Delegado do Goberno se prestara ao seu xogo.

 

 

O BNG de Culleredo solicita ao Delegado do Goberno a publicación da información sobre o Vial 18