XULGADOS

O concello descoñece os efectos da sentenza de JardinCelas

O Goberno Municipal non é quen de dicer cantos traballadores e traballadoras se poden beneficiar da Sentenza do Xulgado do Social.

Tampouco puido dicer por qué á empresa non se lle esixían os documentos que demostrasen estar ao corrente coa Seguridade Social.

O Xulgado fai responsábel solidario ao Concello da totalidade do total das indemnizacións. A empresa encóntrase en liquidación.

O BNG esixirá que o pagamento das indemnizacións se repercuta nas persoas responsábeis e non sobre a veciñanza vía impostos.

O concello descoñece os efectos da sentenza de JardinCelas

O Grupo Municipal do BNG levou ao último Pleno a Sentenza que fai responsábel solidario ao Concello de Cullereredo das débedas salariais da empresa Jardincelas, referidas á limpeza de parques e xardíns.

O voceiro do BNG, Tono Chouciño, sinalou a necesidade de que, de confirmarse que o Concello ten que asumir esas indemnizacións, estas sexan esixidas aos responsábeis políticos do Goberno Municipal culpábeis desta situación:

"O Goberno do Sr. Rioboo decidiu seguir pagando á empresa, cando sabía que esta non estaba a cumprir as súas obrigas para con o seu persoal. Nós propuxemos que se pagara directamente ás traballadoras e traballadores polo seu traballo, como se fixo noutros sitios, pero non fixeron caso. Non debe caer sobre a veciñanza o pagamento, por segunda vez, dunhas cantidades que xa foron satisfeitas, pero que non chegaron a quen as merecía polo seu traballo. A responsabilidade é de quen non contratou en tempo e forma eses servizos e de quen ignorou que a empresa que os realizaba non cumpría coas súas obrigas legais".

No Pleno púxose de manifesto que o Goberno Municipal descoñece o alcance da Sentenza. Nen sequera foron quen de responder á pregunta de se a Sentenza estaba recurrida polo Concello ou non.

O Xulgado o Social recoñece unha débeda de 5976,10€ a un traballador. Ao tempo indica que a responsabilidade do pagamento é solidaria, da Empresa e do Concello por igual. Como a empresa está en liquidación, será o Concello o que terá que asumir, con toda certeza, a totalidade da débeda.

O Goberno Municipal non quixo responder á pregunta de cantos traballadores e traballadoras estarían na mesma situación. Tampouco quixo dar explicacións de porqué á empresa non se lle esixían os documentos de estar ao corrente de pago das súas obrigas coa Seguridade Social, tal e como obriga a lexislación. 

O Goberno Municipal tampouco foi quen de despexar as dúbidas sobre a situación dos traballadores e traballadoras adicados aos traballos de limpeza viaria, que empezan a ter problemas similares aos de Jardincelas

O concello descoñece os efectos da sentenza de JardinCelas