O BNG de Culleredo reclama a convocatoria do CEM para informar do próximo curso

O BNG reuniuse con ANPAS e percibiu intranquilidade nas familias sobre o inicio do curso en Setembro.
O CEM sería o órgano acaído para ter información da representante da Consellería de Educación.
O Goberno Municipal, que preside o CEM, pode convocar un Consello extraordinario dese órgano.
A comunidade escolar está moi preocupada por como vai ser o inicio e desenvolvemento do inicio do próximo curso escolar. Así nolo trasladaron ao BNG na xuntanza telemática que tivemos estes días.
A Ministra de Educación estableceu un requisito que determinará todo o entorno escolar. En Setembro, no inicio dos cursos escolares, non poderá haber máis de 15 nenos e nenas por aula. Esta premisa altera todo o desenvolvemento ordinario do funcionamento dos centros; os espazos de aulas, os patios, os servizos, os autobuses, a dispoñibilidade de profesorado, do comedor etc.
Desde o BNG entendemos que o órgano acaido para que a comunidade poida recibir e contrastar información oficial da Consellería de Educación, é o Consello Escolar Municipal, que preside a Concelleira de Educación Municipal de Culleredo. Por iso temos presentado escrito por rexistro demandando a convocatoria extraordinaria do CEM e que se faga antes de finalizar o actual curso do que só quedan unhas semanas.
Non pode ser que faltando menos dun mes para finalizar este curso, as familias non saiban que van atopar a primeiros de setembro cando a rapazada teña que volver ás aulas no próximo curso. Precísase toda a información para tranquilizalas e que non se perdan xornadas por culpa de improvisacións.