Vergonza e bochorno ante a xestión do goberno municipal nos orzamentos 2020

Pleno municipal xuño 2019
Pleno municipal xuño 2019

Culleredo é o único concello da comarca sen aprobar os orzamentos 2020, na metade do exercicio.

O proxecto de orzamentos foi presentado en Comisión Informativa e ditaminado para ser aprobado inicialmente no Pleno Municipal do vindeiro xoves, mais o goberno municipal decidiu non incluílo na orde do día finalmente.

O goberno municipal do PSOE, aínda contando con maioría absoluta, evidencia día tras día a súa incapacidade para sacar adiante calquera iniciativa.

Vergonza e bochorno ante a xestión do goberno municipal nos orzamentos 2020

Vergonza e bochorno son as únicas palabras que poden describir a xestión do goberno municipal cullerdense para sacar adiante os orzamentos de 2020. Rematando xa o mes de xuño, Culleredo é o único concello da comarca da Coruña que non aprobou o seu orzamento para o vixente exercicio.

O pasado xoves, día 18, o proxecto de orzamentos foi presentado en Comisión Informativa, quedando ditaminado para a súa inclusión, debate e aprobación inicial no Pleno Municipal do vindeiro xoves 25 de xuño. Mais a orde do día para o Pleno non inclúe este punto. O goberno municipal di agora que falta un trámite para incluír unha modificación da Relación de Postos de Traballo.

Noutras ocasións temos escoitado de voz do alcalde e outros membros do gabinete municipal que traballar en minoría dificultaba presentar os orzamentos en tempo e forma. O equipo de goberno, con maioría absoluta, ofreceu unha ampla variedade de escusas nos últimos meses: a necesidade de incluír fondos europeos, a dificultade para estimar os importes destinados aos servizos que continúan sen licitar... Mais, xa só con medio ano por diante, o Concello de Culleredo corre co risco de perder centos de miles de euros dos fondos EDUSI ao non chegar a licitar os proxectos aos que ían destinados. E con toda seguridade tampouco se poderán licitar este ano servizos sen contrato tan importantes como a xestión da auga potábel ou a limpeza viaria.

Esta semana temos nova escusa: a necesidade de incluír un novo arquitecto na Relación de Postos de Traballo do Concello. Esta decisión chega despois de ter criticado o BNG no pasado pleno a aprobación da nova Mesa de Contratación, con informe desfavorable da Secretaria Municipal, ao incluír traballadores municipais que non contan coa especialización precisa para formar parte deste órgano, mentres o actual arquitecto municipal quedaba excluído do mesmo.

Vergonza e bochorno ante a xestión do goberno municipal nos orzamentos 2020