O BNG de Culleredo denuncia a construción dunha gasolineira no cauce do Río Valiñas

Estado actual da parcela - Tono Chouciño, Voceiro do BNG de Culleredo
Estado actual da parcela | Tono Chouciño, Voceiro do BNG de Culleredo

As obras de construción, xa iniciadas, deixaron en evidencia que os terreos forman parte do cauce anegable do Río, quedando totalmente recubertas de auga.

O BNG de Culleredo cuestiona a pertinencia da autorización do Concello e de Augas dede Galiza para dita construción, e reclamará a reversión da autorización e a recuperación do estado previo do cauce do Río.

Esta é só unha máis das continuas aldraxes contra este Río por parte do goberno municipal e Augas de Galiza, que levan anos sen atender as denuncias veciñais de verquidos no Río.

O BNG de Culleredo denuncia a construción dunha gasolineira no cauce do Río Valiñas
Nos últimos días, a veciñanza de Ledoño, Celas, Rumbo… e todos os usuarios da estrada que une a A6 con Cerceda e Mesón do Vento, puideron observar como o Río Valiñas ocupaba de xeito natural o seu cauce anegable nunhas parcelas en construción, formando unha lagoa natural. Neses terreos foi autorizada polo Concello de Culleredo e por Augas de Galiza, a construción dunha nova gasolineira. A propia natureza tivo que poñer sentido común a esta neglixencia por parte das autoridades.

Xa en novembro de 2018, ante a apertura do periodo de exposición pública por parte de Augas de Galiza para dita autorización, o BNG de Culleredo uniuse á veciñanza presentando alegacións que solicitaban a denegación de tal autorización, ao atoparse a parcela para a construción da gasolineira no cauce do Río Valiñas e en terreos declarados polo propio proxecto de PXOM, aprobado inicialmente polo Concello de Culleredo, como “Rústicos de Protección de Augas”. As alegacións da veciñanza, que non foron estimadas por Augas de Galiza, sumábanse ás múltiples denuncias presentadas ao longo dos anos por verquidos incontrolados no Río.

O BNG de Culleredo solicitará novamente a paralización das obras de construción iniciadas e a reversión da súa autorización, así como a restitución dos terreos e do cauce do Río Valiñas ao seu estado previo. A pesar de ter Augas de Galiza desatendido as múltiples chamadas de atención por parte da veciñanza sobre esta nova infraestructura, é agora o propio Río quen da a razón ás veciñas e veciños de Culleredo. Cómpre lembrar asemade, que esta infraestructura non ven a cubrir ningunha necesidade para a poboación do noso municipio, xa que na contorna contamos con outras dúas gasolineiras en menos dun kilómetro á redonda.

Os nacionalistas poñerán a disposición da veciñanza que desexe unirse a esta demanda un modelo de presentación dun Recurso Extraordinario de Revisión para presentar diante de Augas de Galiza. Do mesmo xeito, agardan que o goberno municipal se sume a esta iniciativa para a protección do medio natural do noso concello e tome as medidas precisas para a paralización inmediata das obras de construción, despois de que o Alcalde non ofrecese explicación algunha ante as preguntas do BNG no último pleno.
O BNG de Culleredo denuncia a construción dunha gasolineira no cauce do Río Valiñas