O BNG de Culleredo denuncia uns orzamentos pouco cribles, repetitivos e sen consenso coa veciñanza

Praza de Galicia
Praza de Galicia

Anuncian outra vez proxectos que foron orzamentados en varios exercicios anteriores.

O orzamento de Culleredo foi aprobado únicamente polo PSOE, sen consenso, nin na corporación nin na participación veciñal.

Ao entender do BNG, o orzamento non cumpre as obrigas legais.

O BNG de Culleredo denuncia uns orzamentos pouco cribles, repetitivos e sen consenso coa veciñanza

O orzamento do Concello de Culleredo para 2021, foi aprobado inicialmente o pasado xoves co voto en contra dos tres grupos da oposición. Xa antes carecera de consenso coas asociacións veciñais o orzamento participativo tratado no Consello Xeral de Participación Cidadá. O Goberno de Rioboo esqueceu o compromiso e a modificación das ordenanzas, que subían do 15% ao 25% a participación no orzamento de investimentos. A Concelleira de Facenda expresou o malestar do goberno municipal porque a veciñanza expresara en exercicios anteriores o seu dereito de alegar durante o proceso de exposición pública, porque “total, vanse aprobar igual”. Mesmo lles achacou os retrasos na aprobación. Iso despois de presentar ela os orzamentos deste ano no mes de febreiro, e de que os de 2020 foran presentados en Xullo e aprobados en Outubro pola maioría absoluta do Sr. Rioboo.

O anexo de investimentos repite ano tras ano gran parte das partidas, como os 92.000€ para unha actuación na Torre de Celas. Os mesmos 620.000€ para instalacións deportivas que non se executaron en 2020. Os mesmos 233.263,80€ que en 2020 e 2019 para un centro de maiores en Celas.

Seguen a incluírse 42.000€ para pagar aos redactores do PXOM, que iniciaron ese contrato en 2011. Reserva 70.000€ para adecuar a escenografía do Edificio de Servizos Múltiples no Burgo, cando ese inmoble foi reformado hai catro anos. Varias partidas carecen de denominación, algo recriminado pola Interventora e a Secretaria...

Finalmente tiveron que consignar a partida para atender a sentenza xudicial que condena ao Concello de Culleredo a reparar a Praza de Galiza, tal como xa dixera o BNG na tramitación do orzamento de 2020 e que non quixeron aceptar. Sentenza que reprende unha historia de anomalías na enaxenación do subsolo,  construcción do aparcamento e aceptación da praza resultante. Así e todo, o BNG entende que os 246.632,93 € son insuficientes para cumprir a obriga legal de dotar unha partida que cubra os 371.657,02€ aos que se sumarán os xuros  a que obriga a sentenza.

En ningún momento respostou o Goberno Municipal á pregunta do BNG sobre a ausencia dun plan para regularizar os servizos sen contratos, que son practicamente a totalidade. Anunciaron tamén que se ía vender un terreo municipal na rúa Moncho Reboiras, sen aclarar os motivos de proceder á venda de patrimonio municipal. Desde o BNG de Culleredo non entendemos que vendan patrimonio público para facer caixa cando dedicaron 250.000€ a unha paga extra aos funcionarios.

 

O BNG de Culleredo denuncia uns orzamentos pouco cribles, repetitivos e sen consenso coa veciñanza