A Xunta non garante a continuidade do COF do Ventorrillo en resposta a unha pregunta do BNG

Cartaz concentración polo mantemento do COF do Ventorrillo
A Xunta non garante a continuidade do COF do Ventorrillo en resposta a unha pregunta do BNG

En resposta a unha resposta escrita formulada polo Grupo Parlamentar do BNG sobre o Centro de Orientación Familiar do Ventorrillo, a Xunta de Galiza admite “axustes organizativos que puideran ser necesarios” e en ningún momento se compromete a garantir a continuidade nin a reforzar este centro, tal e como lle reclamaban os deputados nacionalistas Carlos Aymerich e Francisco Jorquera.

A pesar de que as mulleres que atendía o COF do Ventorrillo antes da xubilación do xinecólogo deste centro están a ser derivadas ao COF de Orillamar, que se atopa ao borde do colapso porque xa estaba atendendo máis de 90.000 mulleres, o Sergas responde que “a atención ás mulleres, en canto á súa planificación familiar está garantida”. Na resposta que recibiu o BNG, infórmase de que Sanidade “está traballando cun grupo multidisciplinar de profesionaus na reorganización asistencial da actividade dos COF existentes en función dos recursos e dos profesionais para garantir a prestación asistencial á anticoncepción dun xeito óptimo”. Deste xeito, a Xunta de Galiza descarta cubrir a praza de Xinecoloxía vacante no COF do Ventorrillo.

Na resposta á pregunta do BNG, o Sergas insiste en mellorar a anticoncepción e a información. Porén, nada di dos exames de xinecoloxía, dos servizos de prevención do cancro de mama e de cérvix, do asesoramento sexual nin da interrupción voluntaria do embarazo, cuxo primeiro trámite ten que facerse, de xeito obrigatorio, nos COF. De feito, só no 2011, o centro de orientación familiar de Orillamar atendeu 667 casos de aborto. Así, o BNG denuncia que de ningún xeito pode estar garantida a planificación familiar cando non se contempla, nin sequera nesta resposta, servizos como os exames de xinecoloxía, a prevención do cancro, o asesoramento sexual e mais o aborto.

Tanto Aymerich como Jorquera lamentan que “mentres financia entidades integristas que lle negan ás mulleres o pleno desfrute dos seus dereitos sexuais e reprodutivos, como é a Red Madre, a Xunta de Galiza está disposta a pechar un COF que atendía boa parte das mulleres da contorna da Coruña, concretamente, atendía mulleres de 32 concellos da provincia”.

Podes descargar e ler a resposta da Xunta de Galiza ao BNG sobre o COF se picas na seguinte ligazón: Resposta a Carlos Aymerich

O BNG continuará a apoiar as reivindicacións cidadás

O BNG continuará a apoiar as demandas das usuarias e das traballadoras destes centros de orientación familiar, tanto a través da presentación de distintas iniciativas nas institucións onde está presente, como tamén nas distintas mobilizacións que se celebren pra reivindicar a continuidade do servizo, a vindeira a concentración prevista para o este xoves 14 de febreiro (Día Europeo da Saúde Sexual), que terá lugar ás 11.30 horas diante do COF de Orillamar, na zona do Cemiterio de Santo Amaro.

A Xunta non garante a continuidade do COF do Ventorrillo en resposta a unha pregunta do BNG