O Pleno aproba por unanimidade demandar a declaración de urxencia da construción do novo CEIP

O Pleno aproba por unanimidade demandar a declaración de urxencia da construción do novo CEIP

O pleno municipal celebrado o pasado xoves en Culleredo aprobou por unanimidade a moción do BNG demandando a declaración da "necesidade inaprazable" por razóns de interese público, da construción do novo Colexio de Educación Infantil e Primaria, para a súa tramitación urxente.

Esta posibilidade está recollida na Lei de Contratos do Sector Público e permitiría reducir os prazos de tramitación de cara a conseguir a posta en funcionamento do Centro no curso 2016/2017.

Segundo declarou o Alcalde no Pleno, a cesión dos terreos xa está feita, e tan só falta a sinatura do convenio coa Xunta de Galiza, para o que están esperando a chamada da administración autonómica, actitude de espera que non se corresponde coa magnitude do problema.

Á vista dos datos demográficos, Culleredo precisa planificar xa outro centro de Infantil e Primaria, pois o novo nace xa insuficiente para a demanda dun dos concellos de maior crecemento e de poboación máis nova da comarca.

Tal e como lembrou o voceiro do BNG-Asembleas Abertas de Culleredo no Pleno Municipal, Tono Chouciño, "de pouco serven as grandes sumas de cartos adicadas a propaganda para o fomento da natalidade se despois non se ofrecen uns servizos públicos básicos dignos aos novos cidadáns", polo que nos próximos orzamentos da Xunta debería constar partida suficiente para a construción do novo centro, sen máis aprazamentos nen dilacións.

O Pleno aproba por unanimidade demandar a declaración de urxencia da construción do novo CEIP