O Pleno aproba a redución do soldo do Alcalde proposta polo BNG

O Pleno aproba a redución do soldo do Alcalde proposta polo BNG

No Pleno de Organización Municipal que tivo lugar onte en Culleredo debatéronse as propostas levadas polo representante do BNG-Asembleas Abertas de Culleredo, Tono Chouciño. A primeira, que foi aprobada, a que supón asignarlle ao alcalde un soldo proporcional ao máximo que establece a lei, 55.000€ para poboacións de entre 20.000 e 50.000 habitantes.

Así, dados os datos de poboación de Culleredo do INE, o soldo quedou fixado en 51.661€, o que supón unha rebaixa de case 7.000€ respecto ao da anterior lexislatura e de máis de 3.300€ sobre a proposta do PSOE, que era a do máximo legal. Con eses cartos o voceiro nacionalista propuxo a creación dun fondo para Bolsas de Estudo de Ciclos Superiores, traballos de Fin de Grao, Doutorados ou similares, que traten temas referentes e centrados en Culleredo.

Tono Chouciño evitou entrar a discutir o número de adicacións, pois Culleredo, co seu tamaño e a súa complexidade, require unha equipa de goberno adicada a traballar para o Concello, o que o levou a amosar a súa estrañeza porque entre as adicacións propostas non figure a da persoa responsábel da área de Urbanismo, importante en todo Concello e máis aínda en Cullerdeo, cun PXOM en tramitación, esencial para a planificación e dotación de servizos municipais, e que acumula un retraso inaceptábel.

O representante do BNG-Asembleas Abertas solicitou a continuidade da Comisión Especial do Aeroporto e a creación dunha Comisión Especial sobre a Ría do Burgo, para facer o seguimento do grao de cumplimento dos protocolos anunciados pola Xunta e do estado do seu saneamento, a vista dos contínuos verquidos que provocan peches na actividade marisqueira, sendo ambas peticións rexeitadas, anque pendentes de estudo.

Tono Chouciño amosou a súa falta de confianza, á vista dos precedentes, na eficacia das persoas designadas para os postos de responsabilidade dentro do Goberno Municipal, e manifestou a súa intención e o seu compromiso para desenvolver unha labor de control esixente e nada indulxente.

 

O Pleno aproba a redución do soldo do Alcalde proposta polo BNG