O noso compromiso con Culleredo: humildade, traballo, esforzo e lealdade

O noso compromiso con Culleredo: humildade, traballo, esforzo e lealdade

P1030038 rdxEste venres presentouse en Celas de Peiro a candidatura do BNG-Asembleas Abertas de Culleredo para as eleccións municipais do 24 de maio, que estará encabezada por Tono Chouciño.

O acto estivo conducido por Rocío Sampedro, que fixo fincapé nos datos de desemprego do noso Concello, con case tres mil persoas no paro, ao tempo que a poboación máis nova está a marchar pola falta de oportunidades, poñendo como exemplo aos membros máis novos da candidatura, ausentes esa noite por razóns laborais, dignos representantes dos mozos e mozas do noso Concello, "novos e sobradamente preparados. Son o futuro e temos que darlles un presente".

Falou tamén da necesidade de optimizar as inversións e sacar maior proveito dos recursos do Concello, empezando polo seu persoal. "Este concello ten un persoal técnico magnífico que precisa nova xente no goberno, con ideas novas para desenvolver novos programas de creación de emprego".

Interviron tamén Suso Baños, Ana Brandón e outros membros da candidatura, que falaron da problemática do pequeno comercio, da educación, das persoas coidadoras de dependentes, expondo medidas simples e innovadoras que se poderán pór en marcha en Culleredo, algunhas probadas xa con éxito en concellos gobernados polo BNG, para facerlles fronte.

Cabe destacar a intervención de Marlene Anaya que fixo referencia á súa experiencia como inmigrante que hoxe sinte Galiza como o seu país. Profesora no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Guísamo, falounos da enorme riqueza patrimonial e natural que posúe Culleredo, e das súas posibilidades de aproveitamento.

Para rematar interveu Raquel Jabares, que cualificou esta candidatura como a millor que nunca presentara o BNG en Culleredo, dando paso a Tono Chouciño.

Tono chamou a traballar para pór a Culleredo no lugar que merece, sen conformarse con menos

Tono comezou definindo a humildade, traballo, esforzo e lealdade para con os veciños e as veciñas de Culleredo, como os valores que rexerán o seu goberno e o equipo que o acompaña, "un proxecto enraizado nos problemas da xente, porque o crecemento de Culleredo foi tan rápido que pasamos de 13000 habitantes a 30000 sen que a mentalidade dos nosos gobernantes medrara ao mesmo ritmo, e por iso os servizos e as infraestruturas quedaron atrás".

Chamou a traballar para pór a Culleredo no lugar que merece "como grande concello que é, ocupando un lugar privilexiado na comarca", sen conformarse con menos. "A xente de Culleredo precisa dun Concello que non lles poña atrancos senón que os impulse e que os apoie, que lles dea solucións para os seus problemas".

"Culleredo conta con recursos naturais e humanos, que falla? falla quen dirixe, quen non goberna para Culleredo. O noso goberno poñerase do lado da xente para axudarlle a realizar as súas iniciativas e proxectos".

Rematou co poema de Celso Emilio Ferreiro:

"A terra quere pobo

Para ser fecundada

Nunca virá de fóra

Remedio ou esperanza"

#cambiemosCulleredo

#dependedenós

O noso compromiso con Culleredo: humildade, traballo, esforzo e lealdade