O BNG non apoiará ningún pacto de goberno en Culleredo

O BNG non apoiará ningún pacto de goberno en Culleredo

Candidatura BNG (43) rdx rcO concelleiro do BNG-Asembleas Abertas, Tono Chouciño, votarase a si mesmo na sesión de investidura.

O BNG centrará o seu labor de oposición na rexeneración democrática do Concello, pulando por unha maior transparencia e participación.

O BNG de Culleredo realizou onte 28 de maio, unha reunión de valoración dos resultados das Eleccións Municipais e de análise do novo escenario político.

O BNG considera os resultados das Eleccións en Culleredo como pouco satisfactorios, avaliando o descenso de apoio principalmente como consecuencia da fragmentación do escenario electoral en Culleredo, no que houbo un importante aumento de forzas disputándose o voto,?pasando de 4 a 7 as formacións que se presentaron. Desde o BNG considerouse necesario afondar no traballo de transmisión do noso labor municipal e da nosa alternativa política de cara a chegar ao maior número de xente.

Tamén foi avaliada a situación de reparto de forzas na que queda o Concello. Neste sentido o BNG decidiu, por unanimidade, que NON ENTRARÁ en ningún pacto de goberno e que o noso concelleiro, Tono Chouciño, votarase a si mesmo na sesión de investidura o vindeiro sábado 13 de xuño.

O BNG tamén decidiu NON APOIAR por defecto as propostas presentadas ao pleno (o que suporía un goberno de minoría mediante o apoio nas cuestións presentadas no pleno), senón que DECIDIRÁ O SENTIDO DO VOTO CASO POR CASO, analisando cada cuestión de forma pormenorizada e advertindo de que só se apoiarán aquelas que vaian en beneficio da veciñanza e que se adapten ao programa presentado polo BNG-Asembleas Abertas.

Na reunión tamén se decidiu que o obxectivo prioritario do BNG durante esta lexislatura será traballar pola rexeneración democrática do Concello, pulando polo aumento do nivel de implicación veciñal no goberno do concello mediante a posta en marcha de Consellos Parroquiais, así como por un aumento da transparencia do funcionamento municipal, de acordo coa Ordenanza de Transparencia aprobada por unanimidade o pasado xaneiro e que o goberno municipal leva incumprindo desde a súa aprobación.

Por último, o BNG quere transmitir o seu agradecemento ás 987 persoas que depositaron a súa confianza no noso proxecto, e garante que continuará a traballar por levar adiante un proxecto de Concello onde toda a veciñanza, independentemente do seu lugar de residencia, situación económica ou idade poida vivir mellor nun Concello mellor.

O BNG non apoiará ningún pacto de goberno en Culleredo