O BNG leva ao Consello de Contas os procedementos de gasto do Goberno de Culleredo

O BNG leva ao Consello de Contas os procedementos de gasto do Goberno de Culleredo

O voceiro do BNG-Asembleas Abertas de Culleredo, Tono Chouciño, rexistrou o pasado xoves unha solicitude ante o Concello de Contas para que este organismo fiscalice os procedementos de gasto do goberno municipal de Culleredo, como órgano ao que lle corresponde a fiscalización e verificación dos gastos públicos.

Esta solicitude prodúcese trala aprobación polo Goberno Municipal do levantamento dos reparos da Intervención e da Secretaría Municipal, que poñen de manifesto a existencia de numerosas facturas que corresponden á contratación de obras e servizos que infrinxen manifestamente a legalidade.

Entre os feitos denunciados polos órganos de fiscalización municipal está a contratación verbal de obras e servizos, o fraccionamento de contratos para eludir os requisitos de publicidade, ou o pagamento por traballos en instalacións e parcelas de propiedade privada.

A gravidade na reiteración destas prácticas levou a Tono Chouciño a presentar en persoa a solicitude de fiscalización ante o organismo autonómico. Segundo o voceiro nacionalista, "é preciso pór orde no manexo de fondos públicos, máxime cando estamos ante unhas prácticas que nos levan a pensar que o Goberno Municipal actúa como se Culleredo fose a súa finca privada".

O BNG leva ao Consello de Contas os procedementos de gasto do Goberno de Culleredo