O BNG DEMANDA A RETIRADA E CORRECCIÓN DO PROXECTO DE ORZAMENTOS DE CULLEREDO

O BNG DEMANDA A RETIRADA E CORRECCIÓN DO PROXECTO DE ORZAMENTOS DE CULLEREDO

Este xoves, ás 20.30 h, está convocado o Pleno municipal do mes de Novembro, no que ademais das mocións do BNG en demanda de melloras nas áreas de Benestar e para a elaboración dun plan para combatir a praga de Herba da Pampa, o Goberno Municipal presenta a súa proposta de obras do POS e o proxecto de orzamentos do Concello para o 2015, que é levado a Pleno con reparos da Intervención e co informe negativo da Secretaría Municipal, como xa ven sendo habitual nos últimos tempos, e a aprobación inicial dunha Ordenanza de transparencia, acceso á información e reutilización, extraída directamente dun texto da Federación Española de Municipios e Provincias.

Ao Bloque Nacionalista Galego de Culleredo resúltanos paradoxal e até irónico que o Goberno Municipal presente esta Ordenanza de Transparencia no Pleno no que máis dificultades se puxeron para o acceso á información, e que foi convocado nos prazos mínimos que marca o Regulamento Orgánico Municipal, o luns, con dous días hábiles intermedios, cando habitualmente o venres anterior xa se dispoñía da convocatoria.

O obscurantismo do Goberno Municipal foi tamén denunciado polas centrais sindicais que fan parte da Xunta de Persoal e do Comité de Empresa, que pediron a retirada do cadro de persoal que acompaña aos orzamentos, xa que non foi negociado previamente e supón modificacións importantes na Relación de Postos de Traballo vixente, algo que nos fai retroceder aos anos 2000 e 2001 cando o Consello de Contas puxo en evidencia este mismo feito no seu informe de fiscalización, ou ao 2005, cando por problemas similares os orzamentos foron paralizados xudicialmente.

Dende o BNG de Culleredo lamentamos fondamente este regreso do PSOE de Culleredo, da man dos concelleiros e das concelleiras de APdC, ás prácticas populistas e caciquís que tanto nos costou desterrar durante o noso paso polo Goberno Municipal, e demandamos a retirada do proxecto de orzamentos para a corrección das deficiencias atopadas.

O BNG DEMANDA A RETIRADA E CORRECCIÓN DO PROXECTO DE ORZAMENTOS DE CULLEREDO