O BNG convoca aos veciños e veciñas de Culleredo a unha Asemblea Aberta

O BNG convoca aos veciños e veciñas de Culleredo a unha Asemblea Aberta

convite_construíndo_futuroEste mércores 24 de setembro, ás 19.00 horas, o BNG de Culleredo convoca no Pazo de Vila Melania de Vilaboa unha Asemblea Aberta, dentro do proceso #ConstruíndoFuturo, na que queremos discutir os problemas do noso Concello e comezar a elaboración de alternativas de cara ao proceso das eleccións municipais de 2015, co fin de pór as institucións ao servizo do pobo.

O BNG quere que este encontro sexa un diálogo con persoas procedentes dos movementos sociais, veciñais e culturais que son contrarias aos recortes de dereitos democráticos que practica o PP e que coinciden na defensa de Galiza como país. O BNG emprende este proceso co fin de escoitar tamén a base social das persoas preocupadas polo futuro da nosa lingua e da nosa cultura, como sinais da nosa identidade.

Faise tamén un chamamento a participar neste acto ás persoas que integran as plataformas que durante estes tres últimos anos reivindicaron as súas demandas aos gobernos do PP na Xunta e no Estado e que estiveron sempre acompañadas pola solidariedade e as iniciativas que o BNG trasladou ás institucións.

Para o BNG, cómpre maior capacidade de participación e de decisión como garantía dunhas institucións municipais abertas e democráticas, onde non haxa lugar para as prácticas clientelares e corruptas.

O BNG convoca aos veciños e veciñas de Culleredo a unha Asemblea Aberta