O BNG celebrou Asemblea Aberta sobre a Educación en Culleredo

O BNG celebrou Asemblea Aberta sobre a Educación en Culleredo

O proceso de Asembleas Abertas que o BNG de Culleredo está a desenvolver sobre os principais problemas do noso Concello, iniciouse o pasado xoves coa que tratou a situación da Educación. Nela evidenciouse a falta total de previsión como a principal causa da situación actual, con carencias notabeis en todos os niveis de estudo.

As persoas que participaron na reunión mostraron a súa preocupación por como se ía absorber a demanda prevista para o curso 2016/2017, cando se incorporarán 560 nenos e nenas en 4º de Educación Infantil (3 anos), precisándose 9 aulas máis, polo que o novo CEIP será insuficiente.

Criticouse a elección dos terreos nos que se erguerán os novos centros, na proximidade dos xa existentes, sete centros en pouco máis de unha hectárea, e que deriva nun problema de mobilidade, agravado polo deficiente transporte público, con frecuencias insuficientes tanto aos centros do Concello como ao Campus Universitario, a onde se teñen que desprazar os alumnos para facer uso de salas de estudo, inexistentes no noso Concello, onde agora hai só operativa unha biblioteca.

Dende o BNG agradecemos todas as propostas que alí se nos transmitiron, e animamos a todos a seguir colaborando na construción dun concello no que os seus veciños e veciñas teñan capacidade directa de participación e decisión.

O BNG celebrou Asemblea Aberta sobre a Educación en Culleredo