Imprimir

O BNG presenta unha moción urxente en apoio ás súas alegacións ao proxecto do Vial 18

bngculleredo | 24 de febreiro de 2019

ap9 ampliación vilaboa cruce n550
ap9 ampliación vilaboa cruce n550

O BNG presentará ao Pleno do Xoves 28, unha moción urxente propoñendo aos grupos políticos apoiar as súas alegacións ao Vial 18.

A conclusión deste texto é a solicitude de retirada debido principalmente á ocultación do proxecto relacionado que proxecta ampliar a oito carriles o traxecto dende a área de servizo da AP9 en Almeiras até o monte Alfeirán.

O goberno municipal non foi quen de aclarar se presentaran alegacións en prazo.

O Bloque Nacionalista Galego de Culleredo presentou o pasado mércores día 20, dentro do prazo legal, un escrito de alegacións ao proxecto de Vial 18 no rexistro da Delegación do Goberno, na Coruña.
 
O BNG presentará tamén no rexistro do Concello de Culleredo unha proposta de apoio a esas alegacións, despois de que esta semana os membros do Goberno Municipal non souberan aclarar se se presentaran alegacións ou non, tras ser preguntados tanto nas comisións informativas, como na Xunta de Voceiros, que presidía unha vez máis o tenente de Alcalde ao ausentarse tamén unha vez máis o Sr. Rioboo.
 
O prazo legal para presentar alegacións, segundo o cómputo establecido no anuncio do BOE remataba o pasado mércores 20, aínda que a páxina web do ministerio indica aínda a día de hoxe que hai prazo para presentar "propostas" até o próximo día 4 de marzo. O BNG de Culleredo tentou aclarar este punto a través do portal de transparencia e por vía telefónica, sen obter resposta de Fomento.
 
O escrito de alegacións presentado solicita a retirada do proxecto, xa que leva implícito outro proxecto que non se publica, e que descoñecemos se conta cos correspondentes informes, o cal prevé a ampliación da autoestrada a catro carrís por sentido no treito entre a área de servizo da A9 en Almeiras e o monte Alfeirán. Isto suporía a transformación de toda a área urbana de Culleredo ao seu paso, afectando a colexios, centro de saúde, instalacións deportivas, viais e vivendas.
 
O proxecto do Vial 18 presentado escolle a opción de mobilidade máis cara, fronte á conexión a través da área de servizo, cun custo estimado en documentos oficiais dunha décima parte do proxecto actual; ignorando o acordo plenario do Concello de Culleredo, tomado por unanimidade, no que se demandaba analizar esta opción que proporcionaría, ademais da utilidade buscada de conectar a autoestrada coa terceira rolda, tamén a conexión con todo o término municipal de Culleredo, e a reclamación histórica de conexión co aeroporto de Albedro.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/novas2/bng-presenta-mocion-urxente-apoio-suas-alegacions-ao-proxecto-do-vial-18/20190224111753001875.html


© 2019 Bloque Nacionalista Galego de Culleredo

Bloque Nacionalista Galego de Culleredo

Rúa do Concello s/n

15189 Culleredo

culleredo@bng.gal