ELECCIÓNS MUNICIPAIS

Tono Chouciño candidato do BNG á alcaldía de Culleredo en 2019

Tono Chouciño estará acompañado no primeiro treito da lista por Beatriz Pérez, Gonzalo Méndez, Lorena Curros, Jorge Longueira, e Alba Pérez.

A equipa encabezada por Tono reune unha ampla experiencia, formación e grandes ansias de traballar a prol dos veciños e veciñas de Culleredo.

Entre os retos que o novo goberno terá que afrontar están a contratación de todos os servizos públicos que na actualidade se están a prestar en precario ou a aprobación do PXOM

Tono Chouciño candidato do BNG á alcaldía de Culleredo en 2019

O Bloque Nacionalista Galego de Culleredo escolleu, en asemblea celebrada no pazo de Vila Melania (Vilaboa), a proposta encabezada por Tono Chouciño, actual portavoz nacionalista na cámara municipal, para as eleccións municipais que terán lugar en maio de 2019.

Tono Chouciño estará acompañado no primeiro treito da lista por Beatriz Pérez, Gonzalo Méndez, Lorena Curros, Jorge Longueira, e Alba Pérez.

Bea Pérez volve a participar nunha candidatura do BNG de Culleredo, como independente no número 2, despois de 8 anos alonxada da política.

Tono Chouciño fixo fincapé na ampla experiencia e formación da equipa que encabeza, así como as súas ansias de traballo, coa vista posta na necesidade de sacar a Culleredo do letargo no que o PSOE o ten instalado.

Na opinión do candidato á alcaldía "Culleredo ten moitos retos que afrontar que non se solucionarán únicamente con anuncios e fotos na prensa, empezando pola contratación de todos os servizos públicos que na actualidade se están a prestar en precario ou os procedementos pendentes para a aprobación do PXOM".

Sinalou tamén a necesidade de facer comunidade, "dende o Concello débense desenvolver políticas que axuden a aumentar a conexión das persoas que viven na zona urbana coas que viven no rural, que Culleredo sexa algo máis que unha cidade dormitorio da Coruña. Debemos axudar a formar un maior sentimento de pertenza e de orgullo de ser de Culleredo".