SEGURIDADE VIARIA

Protestas polo funcionamento dos semáforos en Vilaboa

AP9 VILABOA
AP9 VILABOA

Despois de dirixir as súas queixas ao Goberno Municipal, manifestan que nin recibiron contestación nin se resolveron os problemas denunciados na estrada N550, unha vía que é titularidade de Fomento aínda que o seu transpaso ao Concello anunciose en repetidas ocasións, e é obriga deste interesarse pola seguridade dos seus veciños e veciñas ante quen corresponda.

Protestas polo funcionamento dos semáforos en Vilaboa

Un grupo de veciñas e veciños de Vilaboa, que presentaron hai meses no rexistro municipal unha petición pedindo a mellora da regulación semafórica da N-550 ao paso por Vilaboa, dirixíronse ao BNG-Asembleas Abertas de Culleredo para indicarnos que non teñen recibido contestación e tampouco advertiron que se tivera feito nada para resolver os problemas denunciados.

Lamentamos, máis unha vez, que non se contesten as reclamacións veciñais e que se desafíe a paciencia dun grupo de veciñas e veciños que civicamente están participando coas súas achegas na mellora da calidade de vida local.

Tono Chouciño lembrou que, malia os reiterados anuncios da súa cesión ao Concello, esta vía aínda non é de competencia municipal, "pero entendemos que o Goberno municipal debe interesarse por esta petición, xa que afecta á seguridade dos seus veciños e veciñas, pedindo informe dos servizos municipais e, se procede, sumarse á petición ao organismo competente para facer as correccións precisas".

O voceiro nacionalista lembrou que o BNG solicitou en repetidas ocasións o soterramento da AP9 en Vilaboa, no cruce coa N550, ao igual que o das vías do tren no Burgo, "levamos estas peticións en forma de emenda aos orzamentos do Estado porque cremos que melloraría a seguridade e a fluidez do tráfico, nas proximidades dun colexio e de varias instalacións deportivas, eliminando o tapón existente no treito final da Rúa Vicente Risco, na entrada do CEIP Sofía Casanova".

"Calquera actuación de ampliación que se realice na AP9 debe estar condicionada a que se solventen as servidumes e os atrancos que esta infraestrutura nós impón na vida diaria, e ser costeada polos responsábeis da mesma, non polos veciños e veciñas de Culleredo como se vai facer no Burgo" afirmou Tono Chouciño.