MEDIO AMBIENTE

Investigacións abertas polas obras do Río Trabe

Río Trabe - muro contención rc
Río Trabe - muro contención rc

A execución da obra ten un requerimento do Xulgado nº3 por unha denuncia do servizo do PACPRONA da Garda Civil.

Augas de Galiza tamén abriu expediente sancionador pola realización de obras que incumpren a autorización dada, que pode derivar nunha sanción de 30.000€

De confirmarse a sanción, o BNG pedirá a repercusión patrimonial da mesma ás persoas responsábeis.

Investigacións abertas polas obras do Río Trabe

Segundo puido saber o BNG, logo de examinar o expediente, a execución da obra do muro de contención no río Trabe ten un requerimento do Xulgado nº3 por unha denuncia do servizo do PACPRONA da Garda Civil, por non axustarse o executado co proxecto aprobado.

Soubemos tamén da apertura de expediente sancionador por parte de Augas de Galiza, por obras sen autorización dese organismo, obras que incumpren o autorizado no expediente tramitado polo Concello.

En ambas casos confirmaríase o que o BNG de Culleredo ven denunciando dende hai tempo: o cambio na inclinación do muro de contención. Esta modificación, sen facer novos cálculos, pode afectar á estabilidade da obra, podéndose repetir os desprendementos que se pretendían resolver.

Tono Chouciño, voceiro do BNG en Culleredo, lembra que cando se proxectou, se licitou e se empezou a executar a obra, o Concelleiro de Obras e Medio Ambiente era o actual Alcalde. "Lamentamos que lle puidera a soberbia e non nos fixera caso, nen fixera caso dos informes contradictorios de técnicos municipais. Agora ábrenlle un expediente sancionador desde Augas de Galiza que pode derivar nunha sanción de 30.000€."

De producirse sanción o BNG de Culleredo pedirá a repercusión patrimonial ás persoas responsábeis e de idéntica forma no caso de que haxa que desmontar e volver facela. "Cos cartos públicos non se pode estar a xogar. É unha obra de 140.000€ e non pode ser que se tome con tanta frivolidade", afirmou o concelleiro nacionalista.

O Concelleiro do BNG lamentou non ter podido acceder a toda a documentacion do expediente, xa que cando foi posto á súa disposición non estaba na súa totalidade, numerado, ordeado e rubricado tal como é obrigatorio. "Isto obríganos a volver a pedir outra vez toda a documentación en debida forma, algo típico no xogo dilatorio que leva a cabo este Goberno Municipal para dificultar a labor da oposición".