EDUCACIÓN

Consúmase o retraso na construción do novo Colexio

O prazo de 18 meses que establecen as bases da licitación supón, malia as negativas da Xunta e do Goberno Municipal, que o centro non estará rematado até abril de 2018, se se cumple o anuncio de comezo das obras en outubro deste ano.

Consúmase o retraso na construción do novo Colexio

A Xunta de Galiza ven de anunciar a licitación para contratar a construción do novo Colexio de Infantil e Primaria en Culleredo, establecendo un prazo de 18 meses para o seu remate o que supón, aínda que Xunta e Concello traten de agochalo, que non estará rematado até abril de 2018, de cumplirse o anuncio do Conselleiro de comezar as obras en outubro deste ano.

Sobre a complacencia do rexedor socialista ante esta nova demora, Tono Chouciño manifestou que "é realmente lamentábel que un profesional do ensino público diga que no seu concello non houbo problemas de escolarización cando se están a impartir clases en barracóns ou en espazos destinados a outros fins, privando aos alumnos de empregar os laboratorios ou as aulas de idiomas para a finalidade para a que foron concebidos, en menoscabo da súa formación".

 

Afirmar que o novo colexio estará para o curso 2017/2018 como fai a Xunta é unha burla á cidadanía de Culleredo, que ten a experiencia do ocurrido co Instituto.

 

O alcalde dispoñía da grande lexitimidade que lle daba o acordo plenario unánime de setembro de 2015, aprobado polas seis forzas políticas representadas na corporación municipal, para facer valer a reclamación de que a licitación estea condicionada á posta en marcha do centro en setembro de 2017. Incomprensibelmente preferiu a docilidade co conselleiro e dicir que estaba "satisfeito" e "recoñecer a axilidade na tramitación".

Tono Chouciño reiterou a necesidade da posta en marcha do novo Colexio no prazo máis breve posíbel, "se esperar ao curso 2017/2018 nos parece un retraso inmerecido para os alumnos e alumnas de Culleredo, pospor a entrada en funcionamento do novo centro ao 2018/2019 parécenos de todo inaceptábel", polo exixiu a máxima celeridade ás dúas administracións e o respecto polas decisións plenarias, "de nada valen as resolucións que se votan se despois se fai caso omiso das mesmas".