MEDIO AMBIENTE

O BNG volve levar a Pleno a canteira de Sésamo

Canteiras de préstamo recollidas na Declaración de Impacto Ambiental da ampliación do aeroporto
Canteiras de préstamo recollidas na Declaración de Impacto Ambiental da ampliación do aeroporto

"É curioso que, nunha obra desta envergadura, non sexamos capaces de acceder a documentación que se lle exixiría a calquera dos nosos veciños e veciñas para unha simple reforma no seu fogar"

O BNG volve levar a Pleno a canteira de Sésamo

O representante do BNG-Asembleas Abertas de Culleredo, Tono Chouciño, rexistrou unha pregunta por escrito sobre a situación na que se atopan os terreos da canteira de Sésamo, para a súa contestación polo Goberno Municipal no pleno deste xoves. 

Esta iniciativa é consecuencia de non ter sido facilitada ningunha documentación sobre estes terreos, tal e como se solicitou a principios de setembro. No seu lugar facilitouse o expediente referido á ampliación do campo de voo do aeroporto, expediente no que a canteira de Sésamo non aparece, xa que non está entre as canteiras de préstamo previstas. 

Ao non estar incluída no Documento de Impacto Ambiental, ao noso entender, debería ter tramitadas as correspondentes licenzas e permisos ambientais e urbanísticas ante a Xunta e o propio Concello, permisos que non aparecen, atopando na revisión feita apenas dous escritos remitidos polo Alcalde, sen rexistro de saída nin a preceptiva numeración dentro do expediente. 

Para Tono Chouciño "é curioso que, nunha obra desta envergadura, non sexamos capaces de acceder a documentación que se lle exixiría a calquera dos nosos veciños e veciñas para unha simple reforma no seu fogar"