O BNG propón axudas económicas directas para autónomos e pemes en Culleredo

Comercio Local en Culleredo
Comercio Local en Culleredo

Os orzamentos municipais son imprescindibles para estas medidas, polo que se pide apremio na súa presentación.

O BNG propón axudas económicas directas para autónomos e pemes en Culleredo

Manter e promover o tecido empresarial é fundamental á hora de superar a crise do coronavirus. Boa parte do tecido económico e social de Culleredo depende da existencia e capacidade do pequeno comercio, autónomos e pemes. Por isto, o BNG reclama a posta en marcha dun plan de axudas directas para estes colectivos ao goberno municipal.


Sería imprescindible contar co orzamento 2020 aprobado para poder dispoñer de fondos que garantirían a viabilidade da liña de axudas. Levamos máis de catro meses de demora na súa tramitación e aínda non temos novas de que poidan ser presentados de xeito inminente e se contarán coa nova realidade, condicionada pola existencia do coronavirus.


Moitos negocios levan case dous meses pechados por obriga e outros tiveron que adaptarse ás medidas esixidas para garantir a seguridade e desinfección. Comeza a transición entre fases da desescalada e continúa a incerteza sobre como será á incorporación á “nova normalidade”.


Os orzamentos son necesarios e han de estar á altura das circunstancias para axudar á cidadanía nestes momentos de dificultade. Ten que ser convocado o órgano encargado con todos os grupos municipais para debater e impulsar unha proposta que sexa o máis útil e representativa posible. Despois de dous meses de parón, é urxente a reactivación da vida institucional a nivel local.

O BNG propón axudas económicas directas para autónomos e pemes en Culleredo