PARTICIPACIÓN CIDADÁ

O BNG lamenta a opacidade do Goberno Municipal cos fondos EDUSI

Da páxina web do proxecto, Culleredovivo, desapareceu o histórico do procedemento de selección de proxectos.
 
O Goberno Municipal tardou 2 anos en pór en marcha un Grupo de Acción Urbano, chamado a "impulsar a participación cidadá" no proceso, algo que se debía ter buscado dende o primeiro intre.
 
Hai un ano ese órgano de partipación ía ser o Consello Xeral de Participación Cidadá, segundo o propio Goberno Municipal, sen que coñezamos as razóns do seu cambio de criterio.
O BNG lamenta a opacidade do Goberno Municipal cos fondos EDUSI

O representante do BNG no Concello de Culleredo, Tono Chouciño, lamentou a opacidade coa que o Goberno Municipal está a manexar as inversións dos fondos europeos DUSI. Nese sentido, puxo como exemplo a desaparición na páxina web do proxecto, Culleredovivo, do histórico do procedemento de selección de proxectos.


Mostra desa opacidade coa que o Goberno Municipal está a xestionar a estratexia DUSI, e da súa falta total de iniciativa, tamén é que dous anos despois da elección dos proxectos o Goberno Municipal poña en marcha un Grupo de Acción Urbano "para impulsar a participación cidadá".
 
Para Tono Chouciño a participación cidadá debía terse buscado dende o primeiro momento. Lamentou o retraso con que o Goberno Municipal presentaba a formación dun órgano participativo, o Grupo de Acción Urbano, cando hai máis dun ano dicían que ese órgano de partipación sería o Consello Xeral de Participación Cidadá.
 
O portavoz nacionalista lembrou que no seu momento o BNG realizou unha pequena mostraxe entre veciños e veciñas de Culleredo sobre a páxina web Culleredovivo, e había cuase unanimidade en que non se entendia e non animaba a presentar propostas sobre as necesidades que a veciñanza detectaba no seu entorno máis próximo.
 
"Agardamos que este novo órgano teña un funcionamento realmente aberto e participativo e non deveña nun mero tramitador das propostas do equipo de Goberno, como nos ten acostumado o Goberno Municipalo, restándolle atribucións a un órgano xa existente que tería esas atribucións outorgadas polos regulamentos de partipación cidadá do Concello, pero que se cadra é menos doado de manexar".