CALIDADE DE VIDA

Alternativas do BNG á eliminación do campo de fútbol 7

O BNG-Asembleas Abertas propón alternativas á eleminación da instalación deportiva, nunha área densamente poboada e con un claro déficit de dotacións, eliminación derivada da falta de previsión das administracións.

Alternativas do BNG á eliminación do campo de fútbol 7

O BNG rexeita o cambio de uso do campo de fútbol 7 do Portádego, por consideralo unha infraestructura necesaria nunha zona densamente poboada, propoñendo como alternativas empregar outras parcelas propiedade do Concello ou, de ser preciso, negociar un convenio con propietarios de outras nas proximidades, como se ten feito noutros puntos de Culleredo. É necesario tamén facilitar a conexión coa liña de transporte municipal e coas metropolitanas.

Estas alternativas permitirían evitar a anulación dun equipamento deportivo que precisa ser mellorado para facilitar o seu uso, pois a parcela admite calquera instalación deportiva de acordo coa súa cualificación urbanística actual.

O BNG non entende como, tendo feita a cesión dos terreos dende o 2009, o Goberno Municipal non se lembrou da necesidade dun aparcadorio até que o Centro de Saúde estivo prácticamente rematado, cando incluso se podía ter previsto a incorporación dun aparcamento soterrado no mesmo proxecto do edificio, e se veña con improvisacións a un mes vista da inauguración.

Tono Chouciño lamentou a falta de previsión e as présas de última hora do Goberno Municipal, "pero para o fomento duns hábitos de vida saudábel pode chegar a ser tan importante o campo de fútbol como o Centro de Saúde, non podemos permitirnos eliminar un equipamento por unha planificación feita de xeito incompetente."