O BNG pide que o Consello de Participación Cidadá decida sobre os 5 millóns de remanente

Praza de Galicia
Praza de Galicia

O goberno local anunciou o emprego de 5,2 millóns de euros, a metade do aforrado na última década, e segue sen informar nin aportar ningún detalle á Corporación Municipal

Os regulamentos prevén a participación cidadá en cuestións deste tipo

O BNG pide que o Consello de Participación Cidadá decida sobre os 5 millóns de remanente
O BNG solicitou por escrito ao Goberno Municipal que convoque o Consello Xeral de Participación cidadá para deliberar sobre o destino dos 5,2 millóns de euros, procedentes do remanente dos últimos dez anos. O alcalde anunciou en prensa que se empregarían e os grupos da oposición aínda esperan detalles sobre o plan de uso.

O Regulamento de Participación Cidadá vixente prevé que “Debater e informar o Plan de Actuación Municipal que no seu caso elabore o Concello e os orzamentos municipais” e tamén “Debater os proxectos con transcendencia desde o punto de vista económico e social para o municipio” son funcións propias do Consello de Participación Cidadá. Tamén hai que engadir que os orzamentos participativos prevén que o 25% dos investimentos sexan decididos pola veciñanza a través deste organismo.

Unha cantidade tan extraordinaria 一a metade do aforrado na última década一 merece un tratamento extraordinario pero non é ese o camiño que está escollendo o Goberno Municipal. Os grupos da oposición non teñen outra constancia da proposta agás o comentado na prensa e redes sociais municipais. O alcalde non celebrou nin o pleno extraordinario anunciado para “os remanentes” a primeira quincena de agosto, nin o pleno que tocaba o 26 de agosto, nin tampouco o do 9 de setembro, como el mesmo anunciara ao adiar o anterior.

Para facernos unha idea da magnitude extraordinaria deste plantexamento, o orzamento de Culleredo foi en 2021 de 25 millóns de Euros dos que só se destinaron a investimentos pouco máis de 3 millóns. Os fondos europeos EDUSI acadados hai catro anos eran 3,8 millóns para empregar en 4 anos e con grandes restriccións no seu emprego.

No BNG dicimos que debería decidirse o uso deses fondos co maior consenso e participación cidadá. Os regulamentos municipais non só o permiten senón que o obrigan, e por tanto a proposta debería someterse a debate e informe tanto pola súa condición de plan de actuación municipal como de proxecto con grande transcendencia desde o punto de vista económico e social para o municipio.

Eses 5,2 millóns de euros proceden dos fondos do remanente de tesourería, o aforrado polo concello debido as restricións de gasto que, trala crise económica, se impuxeron as corporacións locais. O goberno de Culleredo tería que preparar unha modificación de crédito e que fora aprobada en pleno, tal e como estaba anunciado. Sen embargo, a cuestión continúa paralizada e sen ofrecer máis información que a que apareceu en prensa.
O BNG pide que o Consello de Participación Cidadá decida sobre os 5 millóns de remanente