MEDIO AMBIENTE
O BNG segue sen poder revisar o expediente da canteira de Sésamo.

Tono Chouciño manifestou a súa sorpresa polo feito de que, aínda que se lle entregou numerosa documentación relativa á construción do aeroporto, a documentación referida á canteira foi prácticamente nula, polo que manifestou que se volvería a solicitar.
Despois de varias semanas de espera Tono Chouciño, concelleiro do BNG-Asembleas Abertas de Culleredo, non puido comprobar a documentación que solicitaba do expediente da canteira de Sésamo que está a ser investigada por Xunta e SEPRONA.
O voceiro nacionalista manifestou a súa sorpresa polo feito de que, aínda que se lle entregou numerosa documentación relativa á construción do aeroporto, a documentación referida á canteira foi prácticamente nula.
Entre os documentos facilitados polo Goberno Municipal non figuraban autorizacións urbanísticas nin licenzas de obras para a extracción da pedra. Tampouco houbo xeito de saber a cantidade de material extraído, nin o procedemento para exixir a restitución ambiental obrigatoria por lei.
Ante estas omisións, Tono Chouciño dixo que voltarían pedir a documentación, "así o manifestei ao rematar a revisión, agardo que desta volta o Goberno Municipal deixe as súas habituais tretas dilatorias e facilite a información completa, se é que realmente dispón dela".