CENTROS DE SAÚDE
O BNG demanda melloras na contorna dos Centros de Saúde

Preguntamos ao Goberno Municipal se os accesos aos Centros de Saúde do Portádego e Acea de Ama cumpren co Plano de Mobilidade do Concello.
O BNG-Asembleas Abertas de Culleredo preguntou ao Goberno municipal polos accesos dos Centros de Saúde do Portádego e de Acea de Ama, e a súa adaptación ao Plano de Mobilidade do Concello.
Tono Chouciño manifestou a súa preocupación, pola situación das beirarrúas na Avenida do Portádego, que impiden itinerarios peonís seguros e accesíbeis e polo tamaño das prazas reservadas ás ambulancias, demasiado pequenas para estes vehículos.
O voceiro nacionalista preguntou tamén polas condicións de seguridade e accesibilidade do solar que fai esquina entre a Avda do Portádego e a de González Garcés, que está a ser empregado dende hai moito tempo como aparcadoiro.
No caso do Centro de Saúde de Acea de Ama amosouse a preocupación polo acceso posterior a Urxencias, e a súa compatibilidade coa zona de carga e descarga do supermercado veciño.
"Temos visto camións de gran tonelaxe circulando marcha atrás, en dirección contraria, e realizando manobras que obstaculizan a entrada a Urxencias. Que pasa se nese momento chega unha ambulancia?"
O voceiro nacionalista preguntou ao Goberno Municipal se ese acceso contaba con licenza municipal e se se axustaba á mesma.