VIAL 18

O BNG de Culleredo urxe ao concello a convocar a reunión informativa sobre o Vial 18

vial18 enlace AP9

O Goberno Municipal debe convocar reunión informativa coa veciñanza, acompañado de técnicos para atender as preguntas.

No Pleno de xaneiro, celebrado o día 31, o alcalde anunciou que convocaría Pleno extraordinario “en 10 ou 12 días”, pero a día de hoxe nada se sabe da convocatoria nen da información que manexa o Goberno Municipal.

É preciso coñecer cal é o resultado dos estudos de viabilidade sobre o acceso á AP9 dende a área de servizo en Almeiras.

A AP9 ten múltiples débedas con Culleredo que é preciso resolver, como os accesos ao colexio Isaac Díaz Pardo, o soterramento no seu cruce coa N550 en Vilaboa, ou a ampliación dos pasos peonís nas pontes como a da Costa da Lonxa.

O BNG de Culleredo urxe ao concello a convocar a reunión informativa sobre o Vial 18

O BNG demanda ao alcalde de Culleredo que convoque xa unha reunión coa veciñanza, acompañado de técnicos que poidan atender as preguntas e resolver as múltiples dúbidas que están xurdindo sobre o Vial 18.

No último Pleno o BNG fixo este rogo ao alcalde que replicou dicindo que se convocaría en breve, pero cada vez queda menos tempo para presentar alegacións e segue sen haber convocatoria para esa xuntanza. 

Precisamente unha das dúbidas existentes é sobre ese prazo de alegacións, que segundo a páxina web de Fomento sería o 4 de marzo. O BNG de Culleredo solicitou a aclaración deste termo ao Ministerio, sen aínda ter obtido resposta. 

A aclaración deste punto é importante para a aprobación en Pleno das alegacións que se presenten dende o Concello de Culleredo. Para o portavoz do BNG, Tono Chouciño, “a fiabilidade do Goberno de José Ramón Rioboo na convocatoria dos Plenos e en todo o referido a procesos participativos coa veciñanza, é totalmente nula. O Pleno ordinario de decembro foi cancelado coa promesa de convocar un extraordinario os primeiros días de xaneiro, que nunca chegou, igual que nunca chegou a segunda asemblea informativa sobre o Plan Director do aeroporto de Albedro. No Pleno de xaneiro falou de que nun prazo de 10 ou 12 días convocaría un Pleno extraordinario, pero o tempo pasa e a día de hoxe nada sabemos.”

Para o BNG as supostas “negociacións” do Goberno Municipal co Ministerio de Fomento non diminúen a inquietude sobre a utilidade deste Vial 18 para os veciños e veciñas de Culleredo, ao non contar con entradas nin saídas á vía principal. 

Tampouco se tiveron noticias dos anunciados estudos de viabilidade de realizar o acceso á AP9 a través da área de servizo en Almeiras, un vial proxectado que tería un custo 10 veces inferior ao do Vial 18 e que daría servizo a toda a zona urbana de Culleredo e ao aeroporto. 

Neste sentido, Tono Chouciño lembra “as moitas débedas que a AP9 ten aínda pendentes con Culleredo, ademais da conexión en Almeiras: a ampliación do túnel de acceso ao colexio Isaac Díaz Pardo, o aillamento na zona de Castro e Laxe, a ampliación do taboleiro das pontes de Vilaboa e a Costa da Lonxa, para acoller unhas beirarrúas propias dunha contorna urbana, ou o soterramento da AP9 na súa intersección coa N550,  etc... Agora é a ocasión de falar de todas elas, antes de que sexa demasiado tarde.”

O BNG de Culleredo urxe ao concello a convocar a reunión informativa sobre o Vial 18