TRANSPARENCIA
O BNG solicita acceso aos expedientes e licenzas de actividade das atraccións das festas patronais

No último Pleno preguntamos ao Alcalde pola licenza de actividade da atracción paralizada nas festas do Burgo e polos expedientes para a obtención da licenza de instalación e funcionamento, sen obter resposta.
O BNG considera necesaria a revisión das condicións nas que as atraccións das festas obteñen a súa licenza de actividade.
Debe prevalecer a súa seguridade polo ben da veciñanza de Culleredo e dos milleiros de visitantes que se achegan ás nosas festas.
O BNG rexistrou unha solicitude para o acceso aos expedientes abertos para outorgar licenza de actividade ás atraccións instaladas nas Festas de Vilaboa e do Burgo.
Os actos ocurridos na pasada semana, coa solicitude de peche dunha atracción instalada nas Festas do Burgo por parte da Axencia Española de Seguridade Aérea, leva ao BNG de Culleredo a considerar necesaria a revisión das condicións nas que estas instalacións adquiren a súa licenza de actividade e os procedementos levados a cabo para facer prevalecer a súa seguridade para a veciñanza de Culleredo e os milleiros de visitantes que se achegan anualmente a elas.
No pasado Pleno Ordinario do Concello de Culleredo, celebrado o venres 26, o BNG de Culleredo preguntou ao Señor Alcalde pola licenza de actividade da atracción que fora paralizada, así como polos expedientes para a licenza de instalación e funcionamento das atraccións instaladas nas Festas e os Plans de Seguridade deseñados para estes eventos. O Sr. Rioboo derivou a resposta ao Concelleiro de Festas, quen non tomou a palabra.
O BNG de Culleredo ven de rexistrar unha solicitude para o acceso aos expedientes abertos para outorgar licenza de actividade ás atraccións instaladas nas Festas de Vilaboa e do Burgo, así como aos Plans de Seguridade deseñados para a protección da veciñanza e visitantes. Unha vez revisada a documentación, o BNG de Culleredo analizará os procedementos polos que se licitan estas actividades e se poñen en práctica os requeridos plans de seguridade para actividades con este volume de público asistente.
O goberno municipal debe supervisar a actividade das Comisións de Festas que, con toda a súa vontade, tempo e esforzo, organizan estas celebracións para que as festas patronais se leven a cabo co cumprimento de todas as medidas de seguridade requeridas. O propio Presidente da Comisión de Festas do Burgo aclarou nunha entrevista que, na súa opinión, "da igual onde se sitúen as atraccións". A infraestructura humana e loxística requerida para a organización destas celebracións deben asegurar as condicións de seguridade e o respecto á normativa municipal.