ACEA DE AMA
O BNG de Culleredo pedirá a transferencia ao Concello do complexo deportivo de Acea de Ama

Luís Bará, deputado do BNG no Parlamento Galego, e Tono Chouciño, candidato á alcaldía de Culleredo, visitaron hoxe e comprobaron o estado de deterioro no que están as instalacións.
Tono Chouciño anunciou que o BNG de Culleredo solicitará da Xunta de Galiza a transferencia das instalacións deportivas de Acea de Ama ao Concello, para mellorar a súa xestión, recuperar o recinto ambientalmente e promover deportes non maioritarios.
Entre as melloras a levar a cabo está a de dotar a piscina dun novo vaso, para dar o servizo axeitado tanto ás persoas usuarias como aos clubes de natación, natación sincronizada ou triatlón, que na actualidade vense na obriga de desprazarse a outros concellos.
Durante a visita que realizou hoxe venres ao recinto deportivo de Acea de Ama, en compañía do deputado no Parlamento Galego Luís Bará, na que puideron comprobar o estado de abandono no que están as instalacións, Tono Chouciño anunciou que o BNG de Culleredo solicitará da Xunta de Galiza a transferencia das instalacións ao Concello.
O candidato do BNG á alcaldía manifestou que "permitiríanos mellorar a xestión da instalación e abriría un mundo de posibilidades, promovendo deportes non maioritarios, e actividades de lecer ao aire libre, reforestando o recinto para facer del un auténtico pulmón verde no medio dun entorno fortemente urbanizado."
Tono Chouciño lembrou a existencia dun Plan Especial, que está por desenvolver, que establece os usos aos que se pode adicar cada espazo de recinto e protexe dun xeito especial o humidal existente, polo seu interese ecolóxico. "Dada a súa cercanía a recintos educativos, este humidal podería ser usado como un recurso máis para a educación ambiental."
Entre as melloras que as instalacións deportivas necesitan sinalou "a ampliación da piscina cun novo vaso, para dar o axeitado servizo tanto ás persoas usuarias como a clubes como os de natación, natación sincronizada, ou triatlón, que actualmente teñen que desprazarse a outros concellos para adestrar e competir en condicións aceptábeis."