ECONOMÍA

Rioboo agocha 900.000€ en facturas pendentes

O Concello de Culleredo agocha 320 facturas sen contabilizar do último trimestre de 2024.

O tempo medio de pagamento aos provedores, no mesmo período, é de 197 días (6,5 veces os 30 días sinalados pola Lei).

O Goberno Municipal aínda non presentou perante o Consello de Contas a Conta Xeral de 2023, que debería ter sido presentada o 15 de outubro de 2024.

Rioboo agocha 900.000€ en facturas pendentes
O Informe de Tesourería sobre morosidade revela que o Concello de Culleredo ten 320 facturas de provedores sen incorporar ao rexistro contábel do 4º trimestre de 2024. Esas facturas suman un importe próximo aos 900.000€.

Ao non estar introducidas nos programas de contabilidade pública, non constan nos informes oficiais que emiten outros organismos oficiais, como o Ministerio de Hacienda.

Alén de non cumprir esta obriga, tampouco está a cumprir coa obriga do pago desas facturas en tempo aos provedores. Así, a Tesoureira informa dunha demora media de 197 días no pagamento aos provedores polos seus servizos, traballos e subministracións. Esta cifra está moi lonxe dos 30 días que impón a lei ás Administracións para efectuar o pagamento de facturas.

O Goberno de Rioboo aínda non convocou, como lle pediu o BNG no último Pleno, unha comisión espacial para informar das consecuencias das demoras e incumprimentos postos en evidencia pola Tesoureira no seu informe.

Cabe lembrar que aínda está sen presentar perante o Consello de Contas a Conta Xeral do exercizo de 2023. Esta debía ter sido achegada a ese órgano con data límite do 15 de outubro de 2024, polo que acumula un atraso de 5 meses.

O voceiro do BNG, Tono Chouciño, lembrou ao Goberno Municipal que “estas demoras e esta mala xestión poñen en risco as posíbeis subvencións, axudas e colaboracións económicas en proxectos coa Xunta de Galiza, repercutindo por desgraza nas veciñas e veciños de Culleredo”.
Rioboo agocha 900.000€ en facturas pendentes