FISCAL
O BNG de Culleredo pide actualizar a catalogación catastral e o valor da AP-9

Os terreos da autoestrada teñen clase agraria e uso rústico actualmente no Catastro.
A AP9 é un BICE, Ben Inmoble de Características Especiais, o que permite a actualización do valor de forma separada do resto de inmobles.
Non se fixo revisión do valor desde 2007 cando debería terse feito de oficio cada vez que houbo unha modificación do ben, como a ampliación da Ponte de Rande ou o acceso á Cidade da Cultura.
O Pleno do Concello de Culleredo debaterá o martes a iniciativa do BNG para reclamar da Dirección Xeral do Catastro a revisión dos datos catastrais da autoestrada AP-9 e o seu valor, para así dispoñer dunha nova base impoñible o 1 de xaneiro de 2025 para aplicar o Imposto de Bens Inmobles –IBI– e que pague o que que lle corresponde.
Actualmente, os terreos da autoestrada que cruzan o concello están catalogados como clase rústica e o seu uso principal consta como agrícola. Obviamente iso dista moito da realidade, polo que o BNG de Culleredo propón que o Concello de Culleredo solicite á Dirección Xeral do Catastro o inicio do procedemento para regularizar esa información.
A AP-9 é, segundo a Dirección Xeral do Catastro, un BICE, é dicir, un Ben Inmoble de Características Especiais que segundo aclarou ese organismo o mes pasado a iniciativa do BNG “ten un código que non é unha referencia catastral, que todo o valor da AP9 se asigna a unha soa referencia catastral que é a dunha parcela ao paso por Santiago e que para repercutir o IBI se aplica un coeficiente que no caso de Culleredo é o 1,54% e que así se obtén a base impoñible para que se repercuta o IBI de Culleredo”. Isto é, que a AP-9 ten unha soa referencia catastral e o valor do seu IBI é proporcional entre os municipios polos que atravesa.
Por outra banda, procede unha revisión da información catastral cada vez que o BICE sufra algún cambio sustancial. Así debería ter sido, por exemplo, despois da ampliación da Ponte de Rande, da construción dos accesos á Cidade da Cultura, da adaptación para circunvalar a cidade de Santiago de Compostela ou da ampliación ata Ferrol. Pero a realidade é que desde o ano 2007 non se actualizou o valor, inexplicablemente, polo que urxe a regularización.