Visita de Ana Miranda á Ría do Burgo

Acto na Ría do Burgo con Ana Miranda e os mariscadores
Visita de Ana Miranda á Ría do Burgo

ana-miranda-2 rdx

Culleredo, 17 de outubro de 2012.- A eurodeputada nacionalista, Ana Miranda, visitou onte pola tarde a Ría do Burgo, xunto cos concelleiros e concelleiras do BNG en Culleredo e representantes dos mariscadores e de asociacións veciñais integradas na Plataforma para a Defensa da Ría.

Emendar os orzamentos para sanear a Ría do Burgo

Miranda criticou que o Goberno de Rajoy volva a ignorar a Ría do Burgo nos orzamentos do Estado que, por segundo ano consecutivo, non inclúen un só céntimo para acadar a súa rexeneración integral. Anunciou que o BNG presentará unha emenda para lograr unha partida que comprometa a limpeza da ría.

A deputada do BNG en Bruxelas aposta por un programa de recuperación dos bancos marisqueiros, actualmente degradados e improdutivos, ao igual que pola recuperación da área do emisario de Bens. “Fronte ao desleixo do PP, máis preocupado na acuicultura industrial e pola náutica recreativa, o BNG revitalizará a pesca e o marisqueo na Coruña co fin de crear emprego e riqueza no mar”, afirmou.

Nesta liña, propuxo recuperar a capacidade pesqueira en caladoiros internacionais e a creación dun espazo galego de libre decisión nos eidos pesqueiro e marisqueiro, con control público galego.

A eurodeputada reunírase antes con representantes da Confraría de Lorbé, onde defendeu o dereito de Galiza a negociar con Bruxelas “directamente e sen intemediarios” para defender o seu sector pesqueiro, e puxo como exemplo a recente reunión auspiciada polo BNG entre o sector e a comisaria de Pesca, María Damanaki.  “O que non quixo facer Feijóo, fíxoo o BNG, levando a voz do sector a Bruxelas”, sinalou.

Neste sentido, explicou que o BNG “non aplicará en augas galegas a política de cotas e topes de captura procedentes da UE e emprenderemos unha ofensiva política, institucional e xudicial contra o Principio de Estabilidade Relativa e outros criterios discriminatorios con Galiza”, advertiu.

Miranda denunciou que o Goberno de Feijóo provocou a baixa de 210 embarcacións pesqueiras coa conseguinte perda de 1.700 empregos directos, “toda unha plusmarca na UE”, e advertiu da perda de 550 mariscadoras a pé, fronte á promesa de elevar a 20.000 o número de traballadoras con rendas inferiores ao salario mínimo interprofesional.

Supresión da denominación de orixe

Pesca, marisqueo e acuicultura extensiva, -como a produción de mexillón-, serán prioritarias para o BNG dentro do futuro Goberno galego. De feito, neste momento a formación nacionalista loita en Bruxelas para que acaparen o groso dos futuros fondos comunitarios de pesca, en detrimento da acuicultura industrial e da turistificación “salvaxe” do litoral pola que aposta o PP, alegou Miranda.

Igualmente, o BNG reclama que sexa obrigatorio incluír nas latas de conservas a procedencia do produto, en lugar de eliminar as denominacións de orixe que, como a do mexillón de Galiza, supoñen unha identificación da calidade e do prestixio dos produtos galegos. “O PP tirou por terra esta vantaxe dos nosos produtores, ao votar en Bruxelas eliminar a denominación de orixe das conservas”.

Visita de Ana Miranda á Ría do Burgo