PRÉSAS PREELECTORAIS

PRÉSAS PREELECTORAIS

O pleno celebrado onte en Culleredo aprobou, cos votos en contra do BNG, destinar máis de 764.000 euros á construción dun campo de fútbol de herba artificial, e o estudo de detalle da UA16, en Vilaboa.

No primeiro caso, o concello o tramita un crédito extraordinario, reservado a aqueles casos que non poden esperar ao seguinte exercizo económico, e o xustifica cun aumento do confort.

CONFORT

A súa sostebilidade económica viría dada, segundo o Goberno Municipal, polo aumento na recadación por taxas, que o propio Concello cuantifica en 21.870€ por ano, o que supón que a inversión se amortizará en 35 anos.

Dende o BNG de Culleredo consideramos que a obra responde únicamente a intereses electorais, nun momento no que existen outras prioridades de índole social e económico, con moitas das nosas veciñas e veciños a pasar dificultades para poder sobrevivir, mentres o Concello recurre á solidariedade e a organizacións que, dun xeito admirábel e nunca sufientemente recoñecido, con moi poucos recursos e sempre grazas ao esforzo da xente que teñen dentro, fan un traballo que lle correspondería facer á propia Administración.

No caso da Unidade de Actuación 16, que se corresponde cun espazo situado entre a Avda de Vilaboa (N550) e a Rúa Alcalde Domingo Sierra, dende o BNG manifestamos a nosa contrariedade pola falta de diálogo do Concello coas familias afectadas, que aínda non cobraron as indemnizacións que lles corresponden.

Parecenos estraña a repentina celeridade amosada polo Goberno municipal, tendo en conta que o caso aínda está nos xulgados, en vía penal, e tendo en conta as informacións sobre o papel que tivo o Alcalde Julio Sacristán na sinatura do acordo entre os propietarios e o promotor.

Solicitamos do Alcalde que cumpla co compromiso que se chegara, mentres estivo o BNG no goberno municipal, de exercer de mediador entre ambas partes, na salvagarda dos dereitos dos seus veciños e veciñas.

PRÉSAS PREELECTORAIS