Pleno municipal do 29 de agosto

Pleno municipal do 29 de agosto

No pleno celebrado onte en Tarrío foron aprobadas unha serie de iniciativas presentadas desde o goberno municipal de PSOE e APdC que consideramos negativas para o concello e os seus veciños, e que pasamos a explicar de seguido:

Regulamento de emerxencias sociais

Derrogouse o vixente ata o momento, aprobándose un novo no que se amplian as prestacións asumidas polo Concello, asumindo competencias doutras administracións, pero sen aumentar os recursos económicos, o que repercutirá negativamente sobre a calidade dos servizos que se prestan. O BNG abstívose na votación.

Neste senso, desde o BNG queremos resaltar a paralización de proxectos postos en marcha polo BNG coma os Bancos de Recursos e da Comisión Municipal contra os Desafiuzamentos, que procuraban dar cobertura a necesidades sociais e sanitarias de primeira orde cun custe ínfimo para o Concello.

Regulamento Municipal de Tráfico

Aprobouse a modificación do regulamento municipal de tráfico, que inclúe a prohibición do estacionamento de autocaravanas no concello. O Grupo Municipal do BNG abstívose, pois cremos que esta prohibición non é conforme á legalidade (non se pode prohibir o seu estacionamento mentres non despreguen ningún tipo de dispositivo exterior coma toldos ou escaleiras ou elementos auxiliares coma sillas ou mesas) e ademais pode ser moi prexudicial para o turismo. Neste senso, conseguiuse o compromiso do bipartito de deseñar unha área específica para eses vehículos, compromiso cuxo cumprimento vixiaremos desde o BNG.

Asignacións económicas

Aprobaronse, co voto en contra do BNG, as novas asignacións económicas do goberno local. Malia as declaracións emitidas por varios membros dos partidos que forman o goberno municipal sobre o suposto aforro en soldos e asignacións económicas que introduciría o novo goberno, no pleno quedou en evidencia que tal aforro redúcese a 10 euros semanais. Ante as preguntas da nosa voceira, nin o Sr. Alcalde, nin o voceiro do PSOE, nin o de APdC (que non chegou a intervir), puideron negar que o aforro fose só deses 10 euros semanais.

Conta Xeral do ano 2012

Presentouse a Conta Xeral do ano 2012, con numerosos reparos de intervención nas áreas xestionadas polo PSOE. O GM do BNG abstívose por esta causa. Sorprendentemente, o grupo municipal de APdC, co seu voceiro á cabeza, votouna favorabelmente, cando nela se recoñecen facturas a empresas supostamente denunciadas por eles no Xulgado.

Plan Xeral de Ordenación Municipal

Aprobouse novamente con modificacións. Desde o GM do BNG abstivémonos, posto que as modificacións contaban cun informe dos técnicos municipais que deixa en evidencia que se deixan erros similares aos que se corrixen, o que motivará que en non moito tempo se teña que volver a modificar, con nova exposición ao público e a conseguinte demora nos prazos de aprobación.

En resume, desde o BNG consideramos que as medidas presentadas onte no pleno son un bo exemplo do mal facer do novo goberno municipal de PSOE e APdC, amosando un goberno que traballa desde a improvisación, máis preocupado pola propaganda propia e a ocultación do bo facer do traballo do BNG nas áreas que xestionamos durante seis anos que pola mellora da situación dos veciños de Culleredo. Podemos ver esta improvisación na aprobación dun regulamento de tráfico que non respeta a lexislación vixente ou nun PXOM no que a celeridade ocasionará novos retrasos; o afán pola propaganda na aprobación dun regulamento de emerxencias sociais que amplía servizos co mesmo diñeiro, ocasionando unha menor calidade en cada un deles, ou na publicidade do aforro en soldos que se demostrou totalmente falsa. O afán por ocultar o bo traballo do BNG vémolo non só nas declaracións dos membros do goberno, senón na paralización de iniciativas impulsadas desde as nosas áreas, como a comisión de desafiuzamentos, que daban apoio aos veciños en situación máis feble, e que agora, polo afán propagandístico do novo goberno municipal, fican sen apoio, demostrando claramente que ao goberno o que menos lle importan son os veciños.

Pleno municipal do 29 de agosto