O goberno local denuncia o “incumprimento reiterado da lexislación” por parte da oposición

Saúdo voceiros APdC (José Ramón Rioboo) e PP (Antonio Cañás)
O goberno local denuncia o “incumprimento reiterado da lexislación” por parte da oposición

Culleredo, 25 de agosto de 2012.-  O goberno municipal de Culleredo denuncia a reiterada deixación de funcións que están perpetrando os voceiros do Partido Popular e da Agrupación Progresista de Culleredo. Como marca claramente a lexislación, os concelleiros teñen o “deber de asistencia” aos órganos colexiados aos que pertencen, cuestión que Antonio Cañás e José Ramón Rioboo incumpren coa xunta de voceiros do Concello de Culleredo.

Esta situación produciuse de novo o venres 24 de agosto. Á xunta de voceiros convocada para as 13.00 horas acudiron unha vez máis os voceiros suplentes de ambos grupos políticos. O PP avisou telefonicamente antes, pero APdC non realizou comunicación algunha e Rioboo nin apareceu nin fixo unha chamada previa para indicar o cambio.

A alcaldesa en funcións, a nacionalista Raquel Jabares, explica que no actual mandato político, iniciado en xuño de 2011, celebráronse un total de 14 xuntas de voceiros (unha cada mes). O portavoz do PP acudiu a 7 e o portavoz de APdC a 3.

O incumprimento de asistencia a este órgano colexiado incrementouse por parte da oposición neste ano 2012. Nas 8 xuntas celebradas, o voceiro titular do PP participou nunha e o de APdC en ningunha.

Jabares lembra que esta obriga aparece explicitamente recollida no Regulamento de Organización e Funcionamento das entidades locais e no Regulamento Orgánico Municipal. O primeiro expón que os concelleiros teñen o dereito e deber de acudir non só ao pleno, senón tamén a todas as sesións de órganos colexiados dos que sexan membro. Unha ausencia debe estar debidamente xustificada e debe notificarse con antelación suficiente ao presidente do órgano.

A alcaldesa en funcións considera esta actitude unha “falta de respecto” para o Concello de Culleredo. “Ser o voceiro dun grupo político é unha responsabilidade moi grande coa cidadanía”, apunta, e insta a PP e APdC a substituílos se non son quen de cumprir debidamente coa súa función.

Jabares descoñece o motivo por que os dous portavoces da oposición case non pisan as xuntas de voceiros, pero ten claro que o horario non pode ser a razón dado que se adaptou ás súas peticións. O PP pediu que tivesen lugar ou a primeira ou a última hora e APdC decantouse pola última hora, polo que as 13.00 horas foi consensuada.

Coa a ausencia dos voceiros titulares, ademais de incumprir a lexislación, limítase a capacidade de decisión e operatividade da xunta.

O goberno local denuncia o “incumprimento reiterado da lexislación” por parte da oposición