O BNG quere compensar a paga de Nadal das traballadoras e traballadores públicos municipais

Culleredo, 13 de agosto de 2012.- Os portavoces do BNG na Coruña, Cambre, Culleredo, Oleiros e Sada anunciaron en rolda de prensa a presentación en todos os concellos da comarca de mocións para compensar a perda de poder adquisitivo das traballadoras e traballado
res públicos municipais, como consecuencia da decisión do goberno do PP de anular a paga de nadal, medida absurda e que repercutirá moi negativamente no pequeno comercio local.
Mª Xosé Bravo indicou que é unha medida adoptada polo BNG a nivel nacional, por considerar inútiles as medidas políticas baseadas únicamente nos recortes e que están a demostrar a súa ineficacia en Galiza, no Estado e en Europa.
Pola súa banda, Raquel Jabares afirmou que esta medida vai ter repercusións moi negativas na capacidade de compra das traballadoras e traballadores públicos e como consecuencia, na actividade comercial, nomeadamente no pequeno comercio local.
O BNG declárase insumiso ás políticas de recortes sin sentido do PP, que ademáis pretende socializar os seus propios fracasos. Segundo datos publicados polo Ministerio de Facenda referidos á débeda viva municipal a 31 de decembro de 2011, a débeda do Concello de Madrid multiplica por 11 a da totalidade dos 315 municipios galegos. (Débeda viva do Concello de Madrid: 7.594 millóns de Euros. Débeda viva do conxunto dos concellos galegos 645 millóns de euros)
Por iso o BNG esíxelle ao Partido Popular que cando se refira a que se gastou por encima das posibilidades, que fale en primeira persoa e que tome medidas en Madrid, que ten o 22% da débeda total dos concellos do Estado.
O Portavoz do BNG de Sada, Abel López, fixo referencia a esas fivolidades do PP: Se os sadenses decidiran cancelar a débeda municipal, tocaría a 82 por persoa, mentres que se os madrileños quixeran facer o mesmo, cada un tería que pagar 1.994 .
No fondo, é un ataque á función pública e ao público, por iso o PP ao mesmo tempo que reduce funcionarios aumenta o número de asesores indica o Portavoz de Oleiros Manuel Sarmiento.
O BNG quere significar tamén que a medida está profundamente ideoloxizada, xa que o Real Decreto Lei 20/2012 establece que as cantidades derivadas da supresión da paga extra destinaranse a plans de pensións ou contratos de seguro colectivo de xubilación. O PP non dubida en meter a man no peto das traballadoras e traballadores públicos para beneficio das grandes aseguradoras e para fomentar plans privados de xubilación.