O BNG reclama melloras nas ordenanzas fiscais

O BNG reclama melloras nas ordenanzas fiscais

No Pleno Municipal celebrado o xoves 29 de outubro aprobouse introducir distintas bonificacións nas ordenanzas fiscais do Concello de Culleredo.

Malia ser consecuencia dunha iniciativa presentada polo Grupo Municipal do BNG-Asembleas Abertas de Culleredo no mes de xullo, tal e como recoñeceu Julio Sacristán durante o transcurso do Pleno, non se tivo en conta aos grupos da oposición á hora de formular propostas para esas ordenanzas.

Por este motivo, malia votar en favor das modificacións introducidas, o voceiro nacionalista, Tono Chouciño, manifestou botar a faltar a busca de criterios obxectivos, cuantificábeis e neutros á hora de establecer as bonificacións.

Tono Chouciño demandou a substitución do concepto "familia numerosa" polo de "núcleo familiar de convivenza" ou outro axeitado e verificábel pola Administración a través, por exemplo, do padrón municipal.

Demadou tamén o uso do IPREM (Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples, publicado anualmente no Boletín Oficial do Estado) per cápita da mesma unidade familiar, á hora de establecer o dereito ou non de acceso ás axudas e bonificacións fiscais nas ordenanzas do Concello de Culleredo.

Volveu reclamar o establecemento de incentivos ao pequeno comercio local e ás explotacións agrarias e gandeiras, coa introdución da figura da "explotación agraria prioritaria", recoñecida na normativa da Xunta de Galiza e nas ordenanzas fiscais doutros Concellos, propostas que o Goberno Municipal manifestou que estudaría para a súa introdución de cara a vindeiros exercizos.

 

O BNG reclama melloras nas ordenanzas fiscais