O BNG reclama un aumento dos recursos en Benestar e actuacións contra a praga de Herba da Pampa

O BNG reclama un aumento dos recursos en Benestar e actuacións contra a praga de Herba da Pampa

O Bloque Nacionalista de Culleredo presentou, para o seu debate no pleno municipal do vindeiro xoves 27 de novembro, unha moción na que demanda un aumento dos recursos na área de Benestar para atender as crecentes necesidades dos nosos veciños e veciñas, debido á longa crise económica que padecemos, causada polos movementos especulativos nos mercados financeiros.

Na moción pídese o aumento das axudas económicas directas ás familias, actualmente establecidas en 1.034€ anuais, ante a total paralización de Xunta e Goberno central, que obriga a longas esperas para o cobro das cantidades adebedadas polo FOGASA e das axudas sociais como a RISGA, cunha demora media de 10 meses, durante os que as familias atópanse totalmente desprotexidas, e para o que o Concello ata o día de hoxe está a recurrir ao traballo voluntario de ONG´s que se atopan totalmente desbordadas de peticións de auxilio.

Pedimos tamén que a partida adicada ao pago da débeda non supere á da área de Benestar, e que se reforce o persoal municipal nas áreas de muller e servizos sociais, que se retome o traballo da Comisión Municipal de Desafiuzamentos.

Por último, e á vista de que vai xa un mes dende que o Pleno acordou a cesión de terreos para un novo CEIP sen que se recebera a chamada de ningún responsábel municipal para pactar a ubicación dos mesmos, e de que a poboación de cero a tres anos sofre igualmente esta situación de colapso educativo, solicitamos se tomen as medidas efectivas oportunas para a cesión á Xunta de terros para un novo CEIP e a ampliación da Escola Infantil da Fonte da Balsa.

Combatir a praga de herba da Pampa

A cortadeira, ou herba da Pampa, tense convertido nunha praga de grandes dimensións no noso Concello, dende que foi plantada nas medianeiras da AP-9 (Autoestrada do Atlántico) como planta de ornato, até chegar no día de hoxe a afectar a máis do 60% do territorio de Culleredo.

A pasividade das autoridades que, malia recoñecer que é unha das vinte plantas invasoras máis perigosas do Estado, non fan nada para a súa eliminación, fainos solicitar do Pleno da Corporación Municipal que se dea traslado aos gobernos do Estado e da Xunta da necesidade dun plan para combatir a súa expansión, e urxindo ao Goberno Municipal a redactar unha Ordenanza Municipal que posibilite a loita contra esta praga no noso Concello.

O BNG reclama un aumento dos recursos en Benestar e actuacións contra a praga de Herba da Pampa