O BNG DEMANDA SOLUCIÓNS AOS PROBLEMAS DE ESCOLARIZACIÓN ANTE OS CONTÍNUOS INCUMPLIMENTOS DA XUNTA

O BNG DEMANDA SOLUCIÓNS AOS PROBLEMAS DE ESCOLARIZACIÓN ANTE OS CONTÍNUOS INCUMPLIMENTOS DA XUNTA

A pasada fin de semana a Xunta de Galiza anunciou a contratación das obras do novo IES de Culleredo, longamente demandado polas veciñas e veciños do noso concello, verdadeiros artífices, co traballo e adicación das APA´s dos centros escolares, deste logro que, sendo importante, vese ensombrecido polo gran retraso que acumula, que fai que o novo centro non vaia estar operativo até o curso 2015/2016, empezando a funcionar posiblemente a principios de 2016, dado o prazo de 14 meses previsto para a súa construción.

Con anterioridade, o xoves 16, o BNG rexistraba no Parlamento Galego varias iniciativas demandando a máxima celeridade na súa construción, así como a adopción das medidas oportunas para prever as consecuencias que terá a demora no xa saturado IES Eduardo Blanco Amor, onde este ano foron instalados varios barracóns e están a funcionar 4 unidades a maiores das previstas para o Centro.

CEIP 20000E se a situación do IES é grave, máis grave é aínda a dos centros de infantil e primaria, pola súa masificación e falta de recursos, tanto materiais como humanos, que padecen.

A día de hoxe temos constancia da existencia de 175 alumnos e alumnas escolarizados en condicións precarias (no CEIP de Tarrío están a funcionar 3 unidades máis das previstas, no Ría do Burgo 2, no Sofía Casanova 2, e no Isaac Díaz Pardo 1), algúns en barracóns (CEIP Tarrío), ocupando espazos comúns dos centros (laboratorio do Isaac Díaz Pardo, aulas de desdobres no Sofía Casanova, e aulas de inglés en Tarrío e no Sofía Casanova).

Esta situación vai en prexuízo tanto dos propios rapaces e rapazas que están mal escolarizados, como dos seus compañeiros e do profesorado, que este ano se viu recortado coa eliminación de profesorado de Audición e Linguaxe e de Pedagoxía Terapéutica, que, malia os anuncios de marcha atrás da Consellaría de Educación, aínda non foron cubertas.

Nas iniciativas presentadas o pasado xoves 16, o BNG demanda a construción dun segundo centro de Infantil e Primaria, dada a evolución demográfica de Culleredo, un dos concellos con máis crecemento poboacional de Galiza, xa que o novo CEIP, previsto para uns terreos situados fronte o campo de fútbol do Olímpico de Rutis, sería xa insuficiente para absorber a demanda existente hoxe en día.

E malia a esta situación, atopámonos que o Proxecto de Orzamentos da Xunta de Galiza para o 2015 non inclúe a construción dese CEIP, para o que só hai reservados 20.000€, cifra totalmente irrisoria, e que amosa a total falta de credibilidade do Goberno de Alberto Núñez Feijoo.

Demandamos, con toda urxencia, se rectifiquen os Orzamentos da Xunta de Galiza, incluíndo as partidas necesarias para a construción do novo CEIP, se tomen as medidas oportunas para cubrir as necesidades de escolarización coa construción dun segundo CEIP nos terreos máis apropiados, e se cubran efectivamente, dunha vez, as prazas de profesorado de apoio para alumnado con necesidades educativas especiais.

Dende o BNG comprometémonos a seguir loitando pola consecución deses tan necesarios Centros, tanto nas institucións, con iniciativas no Parlamento e no Concello, como na rúa,  apoiando aos pais, nais e ao conxunto da comunidade educativa de Culleredo nas súas demandas.

O BNG DEMANDA SOLUCIÓNS AOS PROBLEMAS DE ESCOLARIZACIÓN ANTE OS CONTÍNUOS INCUMPLIMENTOS DA XUNTA