O BNG demanda orzamento para a reparación da Biblioteca da Universidade Laboral

O BNG demanda orzamento para a reparación da Biblioteca da Universidade Laboral

O BNG presentou unha emenda aos Orzamentos Xerais do Estado para o 2016 demandando orzamento para a reparación da cuberta da Biblioteca da Universidade Laboral, que se atopa pechada dende hai varios anos debido ás filtracións de auga polo mal estado do seu teito.

O teito da Biblioteca está configurado por unha celosía de ferro soldado ás viguetas superiores, unha solución arquitectónica que pola súa rareza está tamén catalogada e protexida.

Os Orzamentos do Estado deben reservar unha porcentaxe das cantidades adicadas ás obras do Ministerio de Fomento para a reparación e conservación de Bens de Interese Cultural, e o BNG-Asembleas Abertas considera que Culleredo, que soporta as servidumes de grandes infraestruturas como o Aeroporto de Albedro, ou a Autoestrada AP-9, merece que se adiquen parte deses fondos á protección e recuperación do seu Patrimonio.

Culleredo ademais é deficitario en dotación de bibliotecas públicas, xa que para 30.000 habitantes só dispón de dúas, pequenas, unha delas pechada dende agosto de 2014, en locais con deficiente habilitación para os seus fins, polo que a Biblioteca da Universidade Laboral podería solventar en parte ese déficit e prestar un importante servizo a toda a poboación do noso Concello.

O BNG demanda orzamento para a reparación da Biblioteca da Universidade Laboral