TRANSPARENCIA

Viraxe obscurantista do goberno do PSOE de Culleredo

Cantos veciños van poder asistir aos Plenos ás 13.30h.?

Cantos membros da oposición van poder conciliar os seus traballos coa representación na Corporación?

Que proxectos soportan o pase de 4 a 6 dedicacións absolutas e de 1 a 4 dedicacións parciais?

Que novas funcionalidades se buscan creando 3 postos de confianza con cualificación de alto nivel e retribución, a maiores de subir as retribución ás 2 secretarias do alcalde?

Por que se reducen as comisións informativas de 6 a 3?

Viraxe obscurantista do goberno do PSOE de Culleredo

O BNG amosa a súa preocupación pola deriva que amosan as primeiras decisións do novo goberno de Culleredo, que auguran a intención de José Ramón Rioboo de aproveitar a súa maioría absoluta para erguer un muro de obscurantismo na xestión municipal.

Así o dá a entender a súa pretensión de trasladar os plenos municipais ás 13.30h., abandonando o horario das 20.30h., o que dificultará enormemente a asistencia aos mesmos do público que poida estar interesado nos temas a tratar en cada sesión e das persoas que forman parte da corporación e que non dispoñen de dedicación exclusiva, como é o caso da oposición.

Para o BNG de Culleredo isto é un paso atrás moi importante nos dereitos de información e de participación da veciñanza nos asuntos públicos municipais, máis propio de partidos da extrema dereita que de un partido que se di de esquerdas.

O voceiro do grupo municipal do BNG, Tono Chouciño, amosou o seu malestar polas maneiras amosadas neste inicio de mandato polo goberno en funcións. "Tivemos que enterarnos do reparto de responsabilidades a través da prensa e agora atopámonos cunha proposta de horarios que busca dificultar o noso traballo e impedir a asistencia de público aos plenos. Esta actitude non predispón para chegar a acordos a ningún nivel. Parece que o Sr. Rioboo ten moito que ocultar e pretende pasar o rodillo, pero o noso compromiso de botar luz sobre a xestión municipal e democratizala segue intacto e nese sentido continuaremos a traballar."