MOBILIDADE

O BNG propón novas liñas de autobús e un apeadeiro do ferrocarril en Fonteculler

O BNG defende a necesidade de desenvolver un tren de proximidade na comarca e, dentro dese servizo, a construción dun apeadeiro en Fonteculler

É necesaria tamén a implantación de novas liñas de autobús, con bonificacións para estudantes, desempregados ou pensionistas

O BNG propón novas liñas de autobús e un apeadeiro do ferrocarril en Fonteculler
O BNG de Culleredo, dentro das propostas no eido da mobilidade para a veciñanza do concello, continuará a defender a necesidade de adaptar as vías do ferrocarril a un servizo de tren de proximidade, con frecuencias e tarifas que permitan á veciñanza usar este medio como transporte para achegarse ás cidades da Coruña e Ferrol. Dentro deste proxecto tería cabida a construccón dun apeadeiro en Fonteculler, para dar servizo a este núcleo de alta poboación.
 
Asemade, outra das prioridades en mobilidade para o BNG de Culleredo será a implantación de novas liñas de autobús que conecten o concello coas Universidades, os Hospitais e os polígonos industrias dentro da cidade da Coruña, así como cos propios centros médicos e polígonos en territorio municipal. Dentro do seu programa de goberno, tamén recolle a creación de bonificacións municipais na tarifa do billete de autobús para colectivos específicos, como o estudantado, as persoas desempregadas ou pensionistas.
 
Ante as numerosas dificultades para a accesibilidade existentes actualmente nos espazos públicos de Culleredo, o Bloque Nacionalista Galego contempla como prioridade entre as súas propostas, o deseño dun plan de eliminación de barreiras arquitectónicas nos espazos públicos, para facer de Culleredo un concello 100% accesible para persoas con distintas capacidades.