O BNG leva a pleno unha moción contra a masacre israelí sobre o pobo palestiniano

O BNG leva a pleno unha moción contra a masacre israelí sobre o pobo palestiniano

Culleredo, 23 de xullo de 2014- O Grupo Municipal do BNG de Culleredo leva ao vindeiro Pleno da Corporación unha moción onde pide que o Concello condene o ataque criminal perpetrado polo Estado de Israel contra a faixa de Gaza e que reclame o cesamento inmediato dos ataques e bombardeos israelís contra o pobo palestiniano.

A moción do BNG tamén empraza o Concello a solicitar a finalización do bloqueo contra a faixa de Gaza, así como o derrubamento do muro do apartheid que Israel está a construír na Palestina ocupada e ínstao a apoiar o boicot diplomático, comercial, académico e cultural ao Estado de Israel mentres non cumpra a legalidade internacional e non respecte os dereitos do pobo palestiniano.

As nacionalistas tamén lle solicitan ao Concello que urxa o Goberno español ao abandono da súa actitude pasiva diante deste conflito e que lle exixa ao Estado de Israel o cumprimento do Dereito Internacional e das resolucións que aprobaron as Nacións Unidas desde 1948, de reparto territorial, así como a resolución 194 que obriga a Israel a asumir o dereito ao retorno da poboación palestiniana a súa terra.

Por último, o Grupo Municipal do BNG insta o Concello a apoiar os actos que se convoquen para expresar a repulsa social ao ataque criminal do Estado de Israel contra o pobo palestiniano da faixa de Gaza e a facer un chamamento á cidadanía para manifestar de maneira masiva nas rúas o rexeitamento a este xenocidio.

O BNG alerta de que Israel comete un crime de lesa humanidade

O Bloque expresa nesta moción a súa crítica á estratexia de aniquilación do pobo palestiniano, que non se limita só ao masacre dos últimos días, senón que a política xenocida practicada polo Estado de Israel, a base de detencións masivas, batidas policiais, asasinatos, destrución de casas e infraestruturas vitais para o pobo palestiniano pode cualificarse como un crime de lesa humanidade.

Ademais de aludir á resolución unánime do Parlamento de Galiza do mes de maio a prol do cumprimento das resolucións das Nacións Unidas para pórlle fin ao sometemento do pobo palestino e recoñecer os seus dereitos colectivos, o Grupo Municipal do BNG chama a manifestar publicamente a necesidade de que cesen de inmediato as hostilidades e ataques contra o pobo palestiniano. Cómpre entón, sinala a moción, que a comunidade internacional defenda os dereitos do pobo de Palestina e exixa do Estado de Israel o cumprimento da legalidade internacional, concretado nas múltiples resolucións do Consello de Seguranza da ONU que este país incumpre impunemente.

Como galegas e galegos, salienta o BNG, non podemos permanecer indiferentes e por iso denunciamos o silencio cómplice que consinte esta agresión militar contra o pobo de Palestina do Goberno español e da UE. “Esta é a hora de expresar a máis enérxica condena perante a operación de limpeza étnica que o Estado de Israel está a perpetrar contra o pobo palestiniano na Franxa de Gaza con prácticas terroristas contra poboación civil desarmada que se teñen traducido na morte de moitas crianzas, conclúe a iniciativa do Bloque.

O BNG leva a pleno unha moción contra a masacre israelí sobre o pobo palestiniano