Campañas

A 'pegada sonora' de Albedro nun minuto

Aviación Civil vén de publicar o documento da delimitación das servidumes aeronáuticas acústicas do aeroporto de Albedro, comunmente coñecido como a “pegada sonora”, xa que inclúe o mapa de ruido. Esta nova delimitación significa que os usos urbanísticos quedarán condicionados á actividade aeroportuaria, polo que a cualificación do solo ou o réxime das edificacións actuais quedarán afectados. A mingua de valor dos inmobles chegaría ao 20%, sempre segundo o alcalde de Culleredo, quen citou estudos técnicos sobre os documentos publicados no BOE.

As edificacións existentes actualmente dentro do perímetro seguirán sendo legais, mais “fóra de ordenación”, segundo o alcalde de Culleredo, respondendo á pregunta do BNG. É dicir, que cando a vida útil dun inmoble chegue ao seu fin, ese solo xa non terá posibilidades de volver edificarse. Tampouco poderán ser modificadas se ese cambio supón un maior número de persoas afectadas pola delimitación acústica.

Así, tendo en conta que a maioría do solo afectado é de uso residencial, veríanse afectadas perto de 5.000 mil vivendas, das que case 3.000 nin sequera están dentro do plan de insonorización actual, e case 10.000 persoas serían prexudicadas. Os núcleos de poboación máis afectados serían O Burgo, Acea de Ama, Almeiras, Liñares, A Hermida ou Tarrío (Culleredo), Montrove ou Liáns (Oleiros) ou o Graxal (Cambre). En definitiva, un tercio da poboación e do territorio de Culleredo se verían directamente afectados.

A 'pegada sonora' de Albedro nun minuto