TRANSPARENCIA
Continúan paralizadas as obras do depósito de auga en Almeiras

Un novo retraso nunha obra marcada pola improvisación, opacidade e soberbia coa que veñen actuando EMALCSA e o Concello de Culleredo, que os leva a tropezar en reiteradas ocasións nas mesmas pedras.
Cando en 2016 se anunciou a obra, BNG e veciñanza avisaron da necesidade da autorización previa da Consellaría de Cultura, por estar os terreos dentro da zona de protección do Camiño Inglés, o que xa daquela motivou o retraso no inicio das obras.
As obras, que comezaron en xuño de 2017 e tiñan un prazo de execución de 6 meses, poñen a proba a paciencia dos veciños e veciñas, máis alá de toda comprensión que se lles poida demandar dende as administracións implicadas.
As obras do depósito de auga que EMALCSA comezou hai case un ano en Almeiras, e que tiñan un prazo de execución de 6 meses, levan varios meses paralizadas sen que nin dende a empresa nin dende as administracións implicadas se dea nengún tipo de explicación.
As últimas noticias, de principios de ano, eran que a paralización das obras estaba motivada pola existencia dun cable de Fenosa que era preciso soterrar, para o que se debía contar co permiso da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galiza.
Segundo informacións á prensa do Goberno do Concello de Culleredo, o permiso para o soterramento do cable eléctrico tería sido concedido hai varios meses e estábase pendente de que a empresa eléctrica realizase a obra.
O BNG de Culleredo e os veciños e veciñas afectadas, xa advertiran dende un primeiro momento da afectación da obra polo Camiño de Santiago, ao estar dentro da zona de protección do Camiño Inglés, o que obrigaba a unha autorización previa da Consellaría de Cultura.
Este novo retraso dun proxecto anunciado no ano 2016, supón unha nova mostra da improvisación, a opacidade e a soberbia coa que veñen actuando tanto a EMALCSA como o Concello de Culleredo, que parece que non aprenden e tropezan unha e outra vez nas mesmas pedras.
Para Tono Chouciño, concelleiro nacionalista, "non sabemos se o alcalde da Coruña consintiría, como fai o de Culleredo, unha fochanca aberta durante meses ao pé das casas, dunha polideportiva e dun centro cívico, como a que a Empresa Municipal de Augas da Coruña mantén en Almeiras".
"Os gobernos municipais da Coruña e Culleredo deben facer un exercizo de responsabilidade e pór fin dunha vez a esta situación, que está a crear sinfín de incomodidades aos veciños e veciñas, poñendo a proba a súa paciencia máis alá de toda comprensión que se lles poida demandar".