MOBILIDADE SOSTÍBEL
O BNG demanda a creación dun tren de proximidade

Galiza é a única comunidade que non conta con este servizo, que para a área metropolitana da Coruña axudaría a desconxestionar o tráfico, como alternativa ao uso do vehículo particular.
En Culleredo as vías atravesan unha das zonas máis densamente poboadas, entre O Burgo e Fonteculler, e chegan até o mesmo centro da cidade, permitindo a conexión cos hospitais públicos, a Universidade e algúns dos principais polígonos industriais.
O BNG de Culleredo, membro da Plataforma pola Defensa do Tren A Coruña-As Mariñas, presentou unha moción para que o Concello demande diante da Xunta de Galiza e do Ministerio de Fomento a creación dun servizo público de tren de proximidade entre A Coruña e Ferrol, aproveitando a infraestrutura existente, introducindo as melloras necesarias e que dende hai moito tempo se veñen demandando dende amplos sectores da sociedade.
Tono Chouciño sinala que as vías atravesan unha das zonas máis densamente poboadas do noso Concello, entre O Burgo e Fonteculler, e chegan até o centro da Coruña despois de pasar por diante do Materno, do CHUAC e da Universidade, existindo conexións cos polígonos industriais de POCOMACO e Agrela. Malia isto están a sofrer un abandono cada vez maior, derivado da aposta por un urbanismo baseado no formigón, no asfalto e no automóbil privado, que deriva en contínuos atascos e aumento significativo da contaminación ambiental.
Entre as actuacións que se solicitan para esta liña están a súa electrificación, a duplicación de vías, a mellora de trazados ou a modernización dos sistemas de seguridade.
O voceiro nacionalista lembra que "Galiza é a única comunidade onde non existe un sistema de ferrocarril de proximidade, e dentro de Galiza a área metropolitana da Coruña é unha das que este sistema é máis necesario e aportaría máis beneficios ao conxunto da poboación, polo que urxe a súa creación. Temos un tren do século XIX. Queremos un tren do século XXI".
O BNG xunta esta demanda á do investimento e dun calendario para o saneamento da ría do Burgo, pedindo o acordo da Corporación para que se trasladen a xeito de alegacións a uns orzamentos do Estado que ignoran as necesidades da nosa comarca.