O BNG leva ao Congreso a situación límite do persoal da Torre de Control de Alvedro

Representantes do BNG no Congreso, no Parlamento e nos Concellos de Culleredo e A Coruña reunidos con traballadores da torre de control de Alvedro.
Representantes do BNG no Congreso, no Parlamento e nos Concellos de Culleredo e A Coruña reunidos con traballadores da torre de control de Alvedro.

O pasado venres escoitamos de primeira man a situación e as preocupacións dos controladores e controladoras da Torre de Alvedro, nunha xuntanza na que participaron o voceiro do BNG en Culleredo, Tono Chouciño; o concelleiro do BNG na Coruña, David Soto; o deputado no Congreso, Néstor Rego; e a deputada no Parlamento galego, Iria Taibo.

O BNG leva ao Congreso a situación límite do persoal da Torre de Control de Alvedro

As e os profesionais alertaron dunha degradación continuada do servizo desde a privatización da torre de control, con recortes de persoal, sobrecarga de traballo e vulneración de dereitos laborais, sen que AENA nin AESA teñan dado resposta ás reiteradas advertencias. A empresa concesionaria, Saerco, reduciu o cadro de persoal respecto da anterior licitación, provocando fatiga acumulada, estrés e un aumento das baixas médicas, unha situación que pode afectar ás condicións en que se presta o servizo e comprometer potencialmente a seguranza aérea.

Néstor Rego xa rexistrou iniciativas no Congreso para reclamar ao Goberno do Estado medidas inmediatas: obrigar á empresa a reforzar o persoal, respectar os dereitos laborais, garantir a seguranza aérea e intensificar a supervisión sobre a concesionaria. O deputado nacionalista denunciou tamén a cancelación de vacacións, a negación de permisos e as modificacións unilaterais das quendas, prácticas incompatíbeis cos estándares esixíbeis nun ámbito tan sensíbel como o control do tráfico aéreo.

Desde o BNG defendemos revisar a privatización da torre de control da Coruña-Alvedro e avanzar cara á recuperación da xestión pública do servizo, como mellor garantía para asegurar un servizo esencial, seguro e de calidade, e condicións laborais dignas.

Todo o noso apoio ás reivindicacións dos traballadores e traballadoras da torre. ✊

O BNG leva ao Congreso a situación límite do persoal da Torre de Control de Alvedro