Pleno do 31 de xaneiro

No pleno municipal do pasado xoves, correspondente ao mes de xaneiro, aprobouse incialmente, cos votos favorábeis do BNG e do PSOE, o proxecto do novo Plan Xeral de Ordeación Municipal de Culleredo, paso previo á súa exposición ao público, e que contén as directrices básicas que rexerán o crecemento do noso Concello durante os vindeiros doce anos.
O proxecto presentado recolle moitas das demandas que o Bloque Nacionalista de Culleredo viña prantexando dende hai tempo, como o soterramento das vías do tren no Burgo e da autoestrada AP9 en Vilaboa, para as que se ten solicitado os dous últimos anos a súa inclusión nos Orzamentos Xerais do Estado, e que xerarán novos espazos de convivencia, mellorarán a seguridade vial e favorecerán a desconxestión do tráfico en dúas das zonas máis saturadas de Culleredo.
Contempla tamén outras demandas do BNG, como son a recuperación ambiental do solar de BUNGE, que permitirá novas conexións viarias co concello de Cambre e a instalación dun apeadeiro para o tren de cercanías, a reserva de chan para o primeiro cemiterio civil de Culleredo e para novos centros públicos sanitarios e de ensino.
Dende o Bloque Nacionalista Galego de Culleredo pensamos que o proxecto presentado representa un avance para solucionar os desiquilibrios actuais e completar a malla urbana, o que permitirá unha mellora dos servizos públicos, do entorno físico e, en consecuencia, da calidade de vida das veciñas e dos veciños do noso concello.
O plan estará en exposición pública durante dous meses, o tempo máximo legalmente establecido, para que calquera poida revisar o proxecto e prantexar as alegacións que estime pertinentes.
Para garantir o máximo coñecimento por parte das veciñas e os veciños, facilitaráselles unha copia do planeamento en soporte informático, ademais de expolo nas distintas parroquias.
Outros asuntos tratados no pleno.
No pleno, ademais do PXOM tratáronse varias mocións levadas polo BNG. A primeira delas, foi a declaración de Culleredo como Localidade Solidaria co Alzheimer, coa sinatura de Declaración promovida pola Federación de Asociacións Galegas de Familiares de Enfermos de Alzheimer e Outras Demencias (FAGAL), que contou cos votos favorábeis de todos os grupos municipais.
Tamén contou co apoio unánime a que demandaba da Xunta o mantemento do Centro de Orientación Familiar (COF), pechado pola xubilación dun profesional, o que motiva que se derive aos usuarios e usuarias ao COF de Orillamar, xa saturado.
A que demandaba da Xunta o mantemento dun servizo de salvamento marítimo de carácter público e da recuperación do seguro colectivo de accidentes do mar e o seguro de mal tempo, aprobouse co voto favorábel, ademais do BNG, de PSOE e APdC, absténdose o PP.
Moción en Defensa dos Animais.
Mención aparte merece a moción que pedía a declaración de Culleredo de Concello Amigo dos Animais, e a prohibición de espectáculos onde se producise maltrato animal, que recibiu o voto en contra de PSOE, APdC e PP, votando a favor tan só os tres membros do Grupo Municipal do BNG. En palabras do voceiro de APdC, o seu voto en contra debeuse a que hai xente á que lle gustan as touradas.
O PSOE pola súa banda, non ofreceu nengunha explicación do seu voto en contra, incomprensíbel máxime cando en outros concellos da área, como por exemplo Arteixo, votaron a favor da mesma, e en Betanzos, onde gobernan en solitario, se abstiveron de xeito que a moción foi aprobada cos dous únicos votos dos representantes do BNG.