O BNG leva a Pleno a remunicipalización do Servizo de Abastecemento de Auga

O BNG leva a Pleno a remunicipalización do Servizo de Abastecemento de Auga

Mañá mércores 25, ás 13.30h., celebrarase Pleno Municipal no Salón de Actos da Casa do Concello en Tarrío, en sesión extraordinaria.

O Grupo Municipal do BNG-Asembleas Abertas de Culleredo presentou, para o seu debate no mesmo, unha moción demandando a remunicipación do servizo municipal de abastecemento de Auga.

Este servizo foi obxecto dunha prórroga de 12 meses, ilegal segundo os informes da Secretaría e da Intervención municipais, e rematada esta en xuño de 2015, o servizo segue a prestarse por pura inercia, sen ningún tipo de vínculo contractual ou administrativo coñecido coa empresa.

Dende o BNG-Asambleas Abertas de Culleredo temos reclamado en reiteradas ocasións ao Goberno Municipal unha solución a esta situación, pola falta de garantías que conleva para o conxunto dos veciños e veciñas do noso Concello, sen que até o momento se teña feito nada para solucionalo, nin ofrecido ningunha explicación.

En palabras de Tono Chouciño, voceiro nacionalista, "xa hai un ano nos dixeron que estaban a piques de sacar o Concurso público e aínda seguimos á espera. Despois de 25 anos de contrato, e outro de prórroga, esta non é unha situación que poida coller por sorpresa ao Goberno Municipal, e deberían ter estudadas dende hai tempo as distintas alternativas."

 

A Orde do Día completa é a seguinte:

1.- Aprobación, se procede, da acta da sesión realizada en data 29 de outubro de 2015.

2.- Toma de razón da renuncia da concelleira da Marea dona Marta María Leira Novo.

3.- Celebración do sorteo de membros das mesas electorais para as Eleccións Xerais a celebrar o 20 de decembro de 2015.

4.- Proposta relativa á aprobación do Plan de Obras e Servizos (POS) 2016.

5.- Proposta relativa á aprobación do Plan de Acción Social 2015 (PAS).

6.- Proposta relativa á aprobación do Plan Complementario ao Plan de Aforro e Investimento 2015 (PAI)

7.- Previa ratificación da súa inclusión na Orde do Día, proposición relativa á desestimación de ampliación do prazo de proba solicitado polos administradores concursais de Obralar SLU, no procedemento para a resolución do contrato asinado o 11 de novembro de 1999 entre Obralar SLU e o Concello no que se formaliza a concesión administrativa de construción e explotación do Centro Loxístico de Transportes de Culleredo.

8.- Previa ratificación da súa inclusión na Orde do Día, proposición relativa á solicitude de ditame ao Consello Consultivo de Galiza sobre a proposta de resolución do contrato asinado o 11 de novembro de 1999 entre Obralar SLU e o Concello de Culleredo, no que se formaliza a concesión administrativa de construción e explotación do Centro Loxístico de Transportes de Culleredo e suspensión do prazo de resolución do procedemento polo tempo que medie entre a petición do ditame e a recepción do mesmo.

9.- Previa ratificación da súa inclusión na Orde do Día, moción do Grupo Municipal da Marea Veciñal de Culleredo sobre a rexeneración e saneamento da Ría do Burgo.

10.- Previa ratificación da súa inclusión na Orde do Día, moción do BNG relativa á remunicipalización da Auga.

11.- Dación de conta do seguemento da execución orzamentaria.

12.- Dación de conta de resolucións da Alcaldía e Concellarías Delegadas.

13.- Informe sobre o Grupo de Desenvolvemento Rural "GDR Mariñas-Betanzos. Reserva da Biosfera".

14.- Rogos e preguntas.

O BNG leva a Pleno a remunicipalización do Servizo de Abastecemento de Auga